Reices, sobre a N-640: “É surrealista que preguntemos pola Estrada e nos respondan coas alegacións de Caldas”

Reices, sobre a N-640: “É surrealista que preguntemos pola Estrada  e nos respondan coas alegacións de Caldas”

O voceiro do BNG estradense, Xoán Reices, lamentou as respostas que o Ministerio de Transporte dou ao partido nacionalista no Congreso dos Deputados en relación á N-640, destacando que “ignoraron” cuestións claves como a seguridade da travesía urbana e a construción da variante, asunto co que se comprometeran no pacto de investidura.

Reices asegurou que a resposta procedente do Goberno foi  “unha fuxida cara adiante e unha falta de respecto institucional aos veciños e veciñas da Estrada”. “É surrealista que preguntemos pola travesía urbana da Estrada e pola Variante e nos respondan coas alegacións de Caldas. O Goberno do PSOE de Pedro Sánchez ri da Estrada”, denuncia o nacionalista despois de que responderan “con vaguidades sobre outros concellos” e se escudaran na meteoroloxía para xustificar o mal estado do firme ás cuestións sobre a non execución do Plan de Reforma Integral da N-640.

En concreto, o Bloque preguntou cando se adaptar os tramos urbanos para que non sexan “autoestradas que dividen a vila”, que pasou coas medidas de calmado de tráfico que se prometeran e que pasou co proxecto da variante, da que os propios nacionalistas anunciaran que era un compromiso da investidura e que se ía avanzar nela.

Reices lamenta que, dende a aprobación da reforma integral da N-640 en marzo de 2024, non se fixese nada. Tivemos un compromiso no Congreso que hoxe é papel mollado”, asegura e engade que “non nos vale que digan que actuarán ‘cando o tempo o permita’. A Estrada necesita investimentos reais, non promesas que as leva o vento”.

Cómpre lembrar que as últimas novas sobre este asunto producíronse hai un mes, cando o subdelegado do Goberno en Galicia anunciou que se estaba traballando no proxecto.

Imaxe de portada: travesía urbana da N-640 // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario