López Bueno anuncia que “próximamente” vaise reparar parte da N-640 na Estrada

López Bueno anuncia que “próximamente” vaise reparar parte da N-640 na Estrada

Lamenta que PP e BNG “non moveron un só papel nin fixeron unha soa chamada para pedir solucións”

O voceiro do PSOE estradense, Luis López Bueno, avanzou que as reparacións dos tramos en peor estado da N-640 que se están a realizar en Cuntis chegarán “próximamente” á Estrada, contando cun investimento maior. Ademais, lamentou a actitude de PP e BNG á hora de solicitar melloras.

As melloras de urxencia por mor do mal estado no que se atopa o firme após a sucesión de temporais faranse entre os puntos quilométricos 190+800 e 206+200 e contarán cun orzamento de 685.000 euros, segundo detallou o socialista. Considerou que é unha cantidade “adecuada para resolver os problemas principais” que se acentuaron durante xaneiro e febreiro e resaltou que a partida é “algo superior á de Cuntis”.

A Estrada: 15,4km

Cuntis: 12km

A Estrada: 685.000€

Cuntis: 650.000 €

O socialista díxose “satisfeito” de que se realices esta actuación que é “moi esperada e incluso máis ambiciosa que a realizada no 2025”. Aínda así, asegurou que seguirá traballando para que se faga unha reposición integral do firme, “que é o que nos están pedindo os veciños e veciñas con toda a razón”, así como as melloras en seguridade viaria “e que Transportes coñece perfectamente, tanto para o casco urbano como para Liñares, O Sol e outros puntos perigosos da N-640”.

Críticas a BNG e PP

Do mesmo xeito, referiuse ao BNG e ao alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, para lamentar a actitude “pouco colaborativa” que teñen á hora de pedir melloras. “Eu véxoos cómodos coa situación da N-640, mentres está mal, tanto Gonzalo Louzao como Xoán [Reices] poden facer declaracións na prensa e vídeos na TVG, pero a única realidade é que non moveron un só papel nin fixeron unha soa chamada para pedir solucións”, asegurou López Bueno.

“Para nós é un asunto fundamental, e por iso estamos en contacto co Ministerio e diversas autoridades competentes. Nós estamos traballando de verdade, non sacando fotiños”, continuou.

Asemade, pediulle a Louzao que atope solucións para resolver a “chapuza de proxecto” que se presentou para o entronque da PO-216 (a Estrada de Vinseiro) coa N-640 e que lle pida á Xunta que arranxe o firme da PO-213 (Aguións – Ponte Ulla) e que saque adiante asfaltados na vila, “que quedaron destrozados cos temporais e aínda non fixo nada”.

Imaxe de portada: a N-640 na Estrada // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario