Mondra actuará na Estrada como previa das Letras Galegas

Mondra actuará na Estrada como previa das Letras Galegas

Mondra actuará o sábado 16 de maio na Praza do Concello da Estrada, tal e como desvelou este xoves o Concello da Estrada. Será unha das primeiras actuacións que acollerá a gran carpa que quedará instalada un día antes e que aguantará ata a Feira da Sidra. Faráse ao abeiro do plan +Música da Deputación de Pontevedra, que vén de presentarse.

Artista, cantareiro e bailador teense conta con gran proxección en Galicia e fóra dela. Actuará no preludio da dobre festividade que acollerá esa mesma zona ao día seguinte: o Día das Letras Galegas e a Festa do Salmón. Será o seu segundo concerto no municipio, despois do que ofreceu no Folk de Raíz de Callobre en 2025.

En 2023 logrou o recoñecemento unánime de público e crítica grazas ao seu álbum debut, titulado Ardēn. En maio de 2025 lanza o seu segundo traballo discográfico, De Ronda, un álbum persoa e irreverente, “para seducir ou ser seducido”.

Nos últimos dous anos foi distinguido con múltiples galardóns, entre eles o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica 2024 por “Ardēn”, o Premio Mestre Mateo ao Mellor Videoclip 2025 por “Marimondra” ou o Premio aRi[t]mar á Mellor Música do 2024 na Galiza polo seu tema “Quererse ben”.

“Queremos agradecer á Deputación de Pontevedra que, un ano máis, a través do seu plan +Música, nos conceda a oportunidade de contar cunha actuación de gran nivel para que a nosa veciñanza e visitantes poidan gozar en datas tan emblemáticas como estas, nas que buscamos que a programación cultural sexa especialmente coidada e atraente para todos os públicos”, sinalou a concelleira de Cultura, Lucía Seoane, que estivo presente na presentación do programa +Música.

“Esta carpa demostrou o ano pasado o seu potencial para converterse nun espazo que funciona como punto de encontro, que crea ambiente e que contribúe a facer comunidade a pé de rúa”, concluíu.

Imaxe de portada: Mondra // cedida

Comentarios

Deixar un comentario