A comisión de festas do San Paio dou a coñecer os primeiros concertos cos que contarán os festexos, que se celebrarán do 24 ao 28 de xuño. David Bustamante, a orquestra Panorama, 9Louro, Ortiga e Baiuca estarán na Estrada.
O xoves 25 xuntaranse dous artistas que emerxeron nos últimos anos na escea musical galega. Por unha banda, Baiuca, pioneiro en fusionar a música tradicional galega con electrónica de vangarda. En cinco anos publicou dous álbums (Solpor e Embruxo) e xa actuou no San Paio de 2022.
Pola outra, 9Louro, un rapaz de 21 anos natural de Muros que en cuestión de ano e medio conseguiu converterse nunha referencia da música urbana galega cun disco gravado no seu cuarto.
En 2025 non estiveron, pero o venres 26 de xuño a orquestra Panorama regresará ao casco urbano estradense. Considerada unha das orquestras máis prestixiosas a nivel nacional, levará ao corazón da Estrada un espectáculo que xa se poderá ver o 10 de abril en Nigoi.
Tamén o venres 26 Ortiga actuará no San Paio. Este santiagués mestura cumbia, electrónica e sons propios cun estilo fresco e inconfundible. Membro do dúo Boyanka Kostova, colaborou con Grande Amore e Pili Pampín, entre outros.
O prato forte do San Paio será o concerto de David Bustamante o sábado 27. Saído da primeira edición de Operación Triunfo, conta con 19 discos de platino, varios discos de ouro e máis de 900 concertos ás súas costas. Ao longo da súa carreira colaborou con outros grandes da música como Juan Gabriel , Alejandro Fernández, Pablo López e Luis Fonsi.
Gran Comisión e Gran Escaparate
A comisión de festas ten en marcha dous proxectos para recaudar fondos para financiar unhas festas que, como acabamos de ver, serán ao grande. O vindeiro 18 de abril celebrarán o Gran Comisión, unha especie de Grand Prix no que poden participar asociacións veciñais, ANPAs, comisións de festas e outros colectivos. A inscrición remata o 10 de abril.
A outra iniciativa é o Gran Escaparate Estrela, un sorteo no que se poderá conseguir os produtos que están exposto nun escaparate en Justo Martínez. O total dos premios ascende a 15.000 euros e as rifas para participar xa están á venda.
Imaxe de portada: A Panorama no San Paio 2024 (esquerda) e Bustamante (dereita) // Xornal da Estrada / Captura de pantalla

Deixar un comentario