Este sábado celebraráse unha festa en Loimil na honra da Virxe do Carme. Ás 13.00h levaráse a cabo unha misa solemne e, a posteriori, haberá sesión vermut a cargo do Grupo de Gaiteiros Decotío. Pola noite, verbena a cargo do Trío Blanca Doble e do Dúo Rumbo Norte.
Categoría: #A Estrada
-

Callobre celebrará a 22ª edición do seu Folk de Raíz
Este venres dará inicio unha nova edición do Folk de Raíz que se celebra en Callobre. O venres actuarán Devagarinho (22.00h), Regatos (22.45h), a A.C. Rosalía de Castro (00.15h) e Os Melidaos (01.45h).
O sábado será o turno da Banda de Gaitas de Barbude (22.00h e 00.00h), Ailá (23.00h), Leilía (00.30h) e A Banda da Loba (02.15h).
-

Matalobos celebra o San Benito coa Roda como prato forte
Este sábado dará comezo o San Benito de Matalobos. Ás 21.00h celebraráse unha misa na honra deste santo milagreiro e, media hora despois, dará comezo a verbena amenizada pola Charanga Ardores e o DJ Patakiña.
O domingo haberá misas rezadas ás 9.00, 10.30, 11.30 e 12.00h. Ás 13.00 dará inicio unha misa solemne cantada, á que seguirá unha procesión. Tras isto, realizaráse a poxa tradicional e o Grupo de Gaitas Decotío amenizará a sesión vermut. Dito grupo de gaitas realizará un pasarrúas pola aldea ao longo da mañá.
A partir das 18.00h será a charanga Os Celtas quen amenize os camiños da aldea e, ás 21.00h, comezará a verbena a cargo da charanga Os Celtas, do grupo Alborada e do grupo A Roda.
-
Os estradenses poderán doar sangue o 20 e 21 de xullo
A unidade móbil de doazón de sangue atoparáse o xoves 20 e o venres 21 na Praza do Concello da Estrada. Ambos días poderáse doar de 16.00 a 21.00 horas e, o venres, tamén se poderá facer de 09.30 a 14.00.

-
Augas de Galicia multa ao Concello da Estrada
A xunta de goberno local aprobou onte o pago dunha multa de 4.000 euros imposta por Augas de Galicia. José López, alcalde da Estrada, apuntou a que esta multa debíase a vertidos desde algunha das depuradoras rurais, por algún problema de funcionamento desta.
Nesta sesión tamén aprobaron a rehabilitación do edificio sito no número 3 da Travesía de América, a reforma dunha vivenda en Santo Tomé de Ancorados, a construción dun almacén en Guimarei, un galpón para garaxe e unha vivenda unifamiliar en Moreira.
-

A segunda edición da AE League terá 5 divisións divididas en 3 categorías
O pasado martes 4 de xullo PHDnoticias publicaba unha entrevista coa AE League na que se confirmaba que habería unha segunda edición. Hoxe a competición estradense publicou un sondeo para coñecer cantos equipos participarían.
En dito sondeo dáse a coñecer que a competición terá 3 categorías: masculina, feminina e mixta. A categoría feminina terá 8 equipos de participantes de máis de 16 anos. Na categoría mixta atoparémonos con 16 equipos con integrantes de entre 10 e 14 anos. A categoría masculina será a que máis participantes teña dado que a categoría subdividiuse en tres divisións. Para os maiores de 16 anos reserváronse as dúas primeiras, nas que haberá 8 equipos en cada unha, e, a terceira división, terá 16 equipos con participantes de entre 14 e 18 anos.
Serán os equipos os que decidan se a competición será de fútbol sala ou de fútbol 7 e quen decida se a competición se celebra entre o 12 e o 27 de agosto ou entre o 1 e o 10 de setembro.
As cuotas de inscrición deixarán de ser individuais e pasarán a pagalas os equipos. Ditas cuotas, tal e como comentaron na entrevista en PHDnoticias, serán máis caras.
-

Natalia Rivas, sexta no Campionato de España
A estradense Natalia Rivas bateu a súa marca persoal no Campionato de España Sub-18 que se está a celebrar en Xixón. A atleta do Ría de Ferrol completou os 5000m marcha en 24:30.04, quedando en sexta posición.
-

O Concello intentará paralizar o eólico que pode afectar á Rapa das Bestas
Onte á tarde celebrouse o pleno municipal correspondente ao mes de xullo no que se anunciou que o Concello da Estrada presentará un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para intentar paralizar o campo eólico Campo das Rosas. Este eólico, que xa está autorizado pola Xunta de Galicia, é o que máis afecta ao Santo, onde se atopan os cabalos salvaxes da Rapa das Bestas. Ademais, informouse de que se presentou un recurso de alzada contra o parque de Touriñán III-2.
-

Loito no fútbol estradense pola prematura morte de Eloy Rivadulla
O fútbol estradense vestiuse de negro tras coñecer a nova da prematura morte de Eloy Rivadulla Campos. Este futbolista da AD Guimarei era de Santeles e tiña 34 anos e un fillo. Foi o seu clube, do que era membro da directiva, o que anunciou o seu deceso nun comunicado nas redes sociais:
“Foi para todos nós unha honra desfrutar de partidos, momentos e vivencias con el.
Dende o clube queremos dar todos os nosos ánimos e todo o noso amor e apoio á familia e amizades que deixa.
Coidaremos de todos eles como a ti che houbera gustado facelo. Podes descansar tranquilo.
Grazas por todo o que nos deches, nunca xamais te esqueceremos, segue dando guerra alá onde vaias!
Eres eterno, pequeno 9

SEMPRE VERDE
Comunicado da AD Guimarei
“Os seus restos mortais vélanse no Tanatorio San Pelayo. Este sábado ás 11.00h trasladaráse o seu corpo ata a igrexa parroquial de San Xoán de Santeles, onde se celebrará o seu funeral ás 11.15h e, posteriormente, será a inhumación do cemiterio de dita parroquia.
A Escola de Fútbol Base, o Berres, o SP Estrada e a Concellería de Deportes, entre outros, mostraron a través das redes sociais as súas condolencias.
-
Accidentes en Lalín e na Estrada, un deles con feridos
Unha muller de 47 anos correspondente ás iniciais A.I. L. N. resultou ferida onte nunha colisión por alcance na N-525 ao seu paso por Oca (A Estrada), á altura do cruce do centro médico. A ferida, que presentaba dor de cabeza, chamou ao 112 informando do suceso e solicitando asistencia sanitaria. Acudiron a Garda Civil e o 061.
Na avenida de Montserrat, en Donramiro (Lalín), unha condutora mareouse e bateu contra outro vehículo que estaba estacionado. A raíz do choque, producíronse danos en varios vehículos. Ata o lugar desprazáronse a Policía Local de Lalín, unha ambulancia do 061 e Protección Civil de Lalín, que se encargou de limpar a calzada.
