Estas imaxes eran temidas. A posibilidade de que pasaran eran altas. E pasaron.

Cronoloxía dun asalto anunciado
O 30 de outubro Jair Bolsonaro perdía as eleccións presidenciais do Brasil co 49,10% dos votos. Xa antes de facerse oficial a victoria do seu rival, Lula da Silva, os bolsonaristas comezaron a bloquear as estradas. Sen recoñecer a súa derrota, o 2 de novembro desautoriza os bloqueos que se están provocando nas estradas do país.
O 19 de novembro comezaron as acampadas no exterior dos cuarteis militares chamando aos soldados a que dean un golpe de estado. Quizais un dos momentos máis destacados foi cando o 21 de novembro os bolsonaristas pediron axuda aos extraterrestres. Ao día seguinte, o Partido Liberal pediu que se invalidaran os resultados das urnas electrónicas máis antigas.
O uso da violencia por parte dos bolsonaristas máis extremos comezaron o 13 de decembro, cando un grupo de manifestantes intentou tomar a sede da Policía Federal en Brasília tras a detención dun bolsonarista. O 25 dese mesmo mes as Forzas de Seguridade detiveron na capital a un home que dicía ser partidario de Bolsonaro e que estaba preparando un atentado contra o aeroporto da cidade. Segundo o seu relato, ía detonar un camión de combustible contra un avión de pasaxeiros.
O 1 de xaneiro Lula da Silva xurou como novo presidente do Brasil, nun día sen incidencias. Pero, o 8 deste mes, centenares de bolsonaristas radicais asaltaron o Congreso Nacional (sede do poder lexislativo), o Pazo do Planalto (sede do poder executivo) e a sede do Tribunal Supremo Federal. Os asaltantes saquearon os edificios e incluso provocaron incendios neles. Horas despois do inicio do asalto, Lula da Silva decretou a intervención federal do Distrito Federal ata final de mes.
Os sinalados polo asalto
Algúns dos sinalados son Ibaneis Rocha, gobernador de Brasília, que foi apartado 90 días do cargo pola Corte Suprema do Brasil por supostamente ser coñecedor do asalto e permitilo. Ademais, o propio Rocha cesou ao secretario de Seguridade de Brasilia, Anderson Torres, quen fora ministro de Xustiza no Goberno de Bolsonaro. A policía tamén é acusada de non mostrar resistencia e, incluso, de escoltar aos asaltantes á escena do crime. Outro dos sinalados, esta vez polo propio presidente do Brasil, é Bolsonaro, que se atopa nos Estados Unidos desde 2 días antes do xuramento de Lula como presidente.
Similitudes entre asaltos
Dous días antes do asalto facíanse dous anos desde o asalto ao Capitolio, un asalto que garda similitudes co que se produciu en Brasil. En ambos casos, producíronse despois de que os presidentes do país perderan os comicios presidenciais e non aceptaran a derrota. Este feito, engadido a mensaxes de que as eleccións non cumpriran a lei, animaron aos seus seguidores máis radicais a asaltar sedes dalgún poder.

