Etiqueta: deporte local
-

A liga de inverno da Estrada Tennis League comezará en setembro
Na fase regular da liga os participantes terán que poñerse de acordo para decidir a sede dos seus partidos.
Consulte aquí toda a información sobre a ETL
(máis…) -

Os estradenses poderán desfrutar dunha competición de tenis
No concello da Estrada naceu este martes 1 de agosto a Estrada Tennis League (ETL polas súas siglas), unha liga de tenis que nace co obxectivo de que os tenistas – sexan do nivel que sexan – “poidan liberar as súas ansias competitivas e poñerse a proba”.
O formato da ETL será “ao máis puro estilo americano, baseada nunha fase regular e nun playoff“. A competición dividiráse nunha competición de inverno e nunha de primavera.
PHDnoticias púxose en contacto coa competición e confirmáronnos que a competición está dirixida para o público en xeral e que se valora crear unha categoría para os nenos en función dos rapaces que se puideran chegar a inscribir.
Ao longo dos vindeiros días irán dando máis detalles.
-

Comezan as finais dun torneo de futbolín na Estrada
Na mañá deste sábado comezaron no Pavillón Manuel Coto Ferreiro da Estrada as finais a nivel autonómico da LNF Presas. Nesta competición de futbolín atopámonos con 250 equipos de 2 compoñentes cada un e con dúas categorías: movemento – que se celebra este sábado – e parado – que se xoga mañá domingo.
Ambos días as competicións comezan ás 11.00h e xóganse catro categorías: élite, primeira, segunda e terceira. O horario de finalización da xornada será entre ás 22.00h e as 23.00h.
No que se refire aos premios, repartiránse 15.000€ entre os 12 mellores equipos de todas as categorías e trofeos entre os 16 mellores.
-

A segunda edición da AE League terá 5 divisións divididas en 3 categorías
O pasado martes 4 de xullo PHDnoticias publicaba unha entrevista coa AE League na que se confirmaba que habería unha segunda edición. Hoxe a competición estradense publicou un sondeo para coñecer cantos equipos participarían.
En dito sondeo dáse a coñecer que a competición terá 3 categorías: masculina, feminina e mixta. A categoría feminina terá 8 equipos de participantes de máis de 16 anos. Na categoría mixta atoparémonos con 16 equipos con integrantes de entre 10 e 14 anos. A categoría masculina será a que máis participantes teña dado que a categoría subdividiuse en tres divisións. Para os maiores de 16 anos reserváronse as dúas primeiras, nas que haberá 8 equipos en cada unha, e, a terceira división, terá 16 equipos con participantes de entre 14 e 18 anos.
Serán os equipos os que decidan se a competición será de fútbol sala ou de fútbol 7 e quen decida se a competición se celebra entre o 12 e o 27 de agosto ou entre o 1 e o 10 de setembro.
As cuotas de inscrición deixarán de ser individuais e pasarán a pagalas os equipos. Ditas cuotas, tal e como comentaron na entrevista en PHDnoticias, serán máis caras.
-

Natalia Rivas, sexta no Campionato de España
A estradense Natalia Rivas bateu a súa marca persoal no Campionato de España Sub-18 que se está a celebrar en Xixón. A atleta do Ría de Ferrol completou os 5000m marcha en 24:30.04, quedando en sexta posición.
-

Loito no fútbol estradense pola prematura morte de Eloy Rivadulla
O fútbol estradense vestiuse de negro tras coñecer a nova da prematura morte de Eloy Rivadulla Campos. Este futbolista da AD Guimarei era de Santeles e tiña 34 anos e un fillo. Foi o seu clube, do que era membro da directiva, o que anunciou o seu deceso nun comunicado nas redes sociais:
“Foi para todos nós unha honra desfrutar de partidos, momentos e vivencias con el.
Dende o clube queremos dar todos os nosos ánimos e todo o noso amor e apoio á familia e amizades que deixa.
Coidaremos de todos eles como a ti che houbera gustado facelo. Podes descansar tranquilo.
Grazas por todo o que nos deches, nunca xamais te esqueceremos, segue dando guerra alá onde vaias!
Eres eterno, pequeno 9

SEMPRE VERDE
Comunicado da AD Guimarei
“Os seus restos mortais vélanse no Tanatorio San Pelayo. Este sábado ás 11.00h trasladaráse o seu corpo ata a igrexa parroquial de San Xoán de Santeles, onde se celebrará o seu funeral ás 11.15h e, posteriormente, será a inhumación do cemiterio de dita parroquia.
A Escola de Fútbol Base, o Berres, o SP Estrada e a Concellería de Deportes, entre outros, mostraron a través das redes sociais as súas condolencias.
-

ENTREVISTA| A AE League terá unha segunda edición con novidades
O venres rematou a AE League coa victoria de Los Xavales. PHDnoticias falou coa organización sobre esta edición e todas as súas polémicas e sobre a segunda edición, na que haberá novidades e na que se ampliarán as categorías.
Pregunta- Que balance facedes da primeira edición da AE League?
Resposta – O balance da liga é claramente positivo, a maioría dos participantes cos que falamos dixéronnos que lles gustou moito a liga e tamén que estaba moi ben organizada.
P- Haberá segunda edición?
R- Grazas a todo o apoio que tivo esta edición, estamos traballando en facer unha segunda edición, con moitas novidades e ampliando as categorías para que todo o mundo poida desfrutar da liga.
P- E cando sería?
R- Non o sabemos aínda.
P- Dado que hai vai haber melloras, cales poderían ser?
R- Haberá melloras nos directos de Twitch e contrataremos árbitros que veñan directamente da federación.
P- Voltando á edición que se acaba de celebrar, houbo polémica cun árbitro en concreto por certas accións “mal pitadas” ou “que non se pitaron”. Podíase mellorar a arbitraxe?
R- Desde a liga promovemos sempre que a xente que tivera queixas as formalizara e as presentara. A día de hoxe non recibimos ningunha queixa formal de ningún equipo, só queixas que non levan a nada e sen ningún fundamento. Houbo dous equipos que se queixaron da arbitraxe e de accións supostamente mal pitadas. Estes dous equipos presentaron as queixas mediante insultos e vaciles cara á administración da liga e a solución a este problema foi revisar igualmente as súas queixas e posteriormente vetar a estes equipos da liga. Tras revisar as súas queixas cun árbitro federado, comunicounos que a arbitraxe dos partidos estaba ben realizada, sen ter en conta un ou dous erros arbitrais por partido, que son completamente normais aínda contando con árbitros non federados. Creemos que o único erro dos nosos árbitros foi ser moi permisivos á hora das queixas xa que tiveron que soportar situacións que non tiñan que haber soportado. Así que para próximas edicións, a cuota de inscrición elevaráse e contrataremos a árbitros federados para que arbitren os encontros.
“Tras revisar as súas queixas cun árbitro federado, comunicounos que a arbitraxe dos partidos estaba ben realizada”
P- Intentástedes ter árbitros federados esta edición?
R- De feito, tivemos un árbitro federado na competición, pero as queixas seguían vindo dos mesmos equipos.
P- Un dos equipos, que finalmente anunciou a súa retirada da competición, acusouvos de ser ditadores prohibindo aos equipos queixarse ou realizar comunicados. Nós falamos con equipos e, nalgún caso, dixéronnos que non era recomendable facer comunicados e, incluso, que o equipo que o fixera arriscábase a unha sanción. Que tedes que dicir ao respecto?
R- Os comunicados, se os queres facer, teñen que ter unha lóxica e teñen que ir sempre dende o respecto. O que non podes é insultar a ninguén e menos, insultar repetidas veces á administración por que o teu equipo perdera. Na nosa competición queremos a xente competente que saiba gañar e perder, cousa que os deses equipos non o demostraron. Ademáis disto, estes equipos non falaron con nós en nigún momento de bo xeito, e isto non se pode permitir, nin aquí nin en ningún sitio, así que as súas suxestións non foron lidas dende un primeiro momento por que non se saben comportar.
” Na nosa competición queremos a xente competente que saiba gañar e perder, cousa que os deses equipos non o demostraron”
P- Ides endurecer a resposta ante situacións así?
R- Nesta edición aprendimos a non ter man branda con ningunha destas situacións. En próximas edicións non daremos avisos sobre estos temas por que entendemos que non temos que recordar como se deben comportar os integrantes dun equipo.
-
Despois das acusacións de mafia chegan as de ditadura á AE League
O venres remataba a AE League cuns polémicos comunicados por parte dun dos equipos participantes: o 4K. No primeiro comunicado realizaron críticas á arbitraxe e, no segundo, acusaron á competición de ser unha ditadura.
No último comunicado denunciaron que “varios equipos dos que non diremos os nomes prohibíronlles queixarse e subir comunicados oficiais”. Deste xeito, segundo o 4K, non lles deixan participar na toma de decisións e o que lles interesa é “contentar aos patrocinadores e á grada”.
O equipo engadiu que é unha liga que pode “roubarlle no campo” aos equipos e darlle o trofeo “a quen lles apetece sen que ninguén faga nada”.
Por último, comentaron que é “unha vergoña ver como o Concello apoia unha iniciativa destinada só a que se lucren os organizadores, con premios vergoñentos e, enriba, cunha arbitraxe lamentable”.
PHDnoticias púxose en contacto con equipos da liga que non formaron parte da polémica e recibiu respostas negando estas acusacións, comentando que “non está prohibido, toda queixa con sentido e ben razoada é respetada para mellorar a liga” pero que “os comunicados non é recomendable facelos”, e afirmando que o facer comunicados non está prohibido, “pero se o fas tes moito risco dunha sanción”.
Nunha entrevista con PHDnoticias, a AE League afirmou que “desde a liga promovemos sempre que a xente que tivera queixas as formalizara e as presentara” e que os dous equipos que se queixaron “presentaron as queixas mediante insultos e vaciles cara á administración da liga”. Segundo nos comentaron, as queixas foron revisadas cun árbitro federado que “comunicounos que a arbitraxe dos partidos estaba ben realizada”.
Respecto aos comunicados, se se queren facer “teñen que ter unha lóxica e teñen que ir sempre dende o respecto. O que non podes é insultar a ninguén e menos, insultar repetidas veces á administración por que o teu equipo perdera.”
Por iso, na segunda edición da AE League “non daremos avisos sobre estes temas”.
