A asociación ecoloxista ADEGA presentou un contencioso-administrativo contra a autorización da Xunta ao parque eólico Campo das Rosas. Tal e como recollen, nos montes da Estrada, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro no que se queren instalar os eólicos existe un tipo de fento considerado en perigo de extinción, o Lycopodiella inundata, e hai turbeiras protexidas, que non apareceron nin no Estudo de Impacto Ambiental (EIA) nin na Declaración de Impacto Ambiental (DIA). Ademais, os eólicos tamén se instalarían nos montes nos que se atopan os cabalos da Rapa das Bestas de Sabucedo.
Segundo ADEGA, as infraestruturas do parque eólico poderían provocar a desaparición dalgunhas turbeiras e modificaríase o fluxo da auga provocando unha importante alteración do réxime hídrico. Tamén, engaden, o licopodio das brañas – Lycopodiella inundata -, cuxa maior poboación atópase en ditos montes, podería chegar a desaparecer e a provocar a extinción da especie.

