Etiqueta: Polonia

  • Dous misís, posiblemente rusos, caen en territorio da OTAN

    Dous misís, posiblemente rusos, caen en territorio da OTAN

    Dous misís caíron esta tarde en territorio polaco, na localidade de Przewodow, que se atopa pegada á fronteira con Ucraína. A causa deste suceso morreron dúas persoas. O Goberno polaco reuniuse de emerxencia e elevou o nivel de alerta militar na fronteira con Ucraína e valora recurrir ao artigo 4 da OTAN, que abre consultas entre aliados. Sospéitase que os misís eran rusos, pero o Pentágono non o confirma, pero si que lanzaron un aviso: “Cando se trata dos nosos compromisos coa seguridade e o artigo 5, fomos cristalinos: defenderemos cada centímetro do territorio da OTAN”. Rusia, pola súa parte negou que os misís foran seus, segundo eles nas fotografías non hai indicios que foran deles, e acusou a Polonia de “provocar unha escalada no conflito”.

     Entre algunha das teorías sobre estes misís atópanse un ataque intencionado de Rusia ou que sexan misís derribados por Ucraína.

    Artigo 5 da OTAN

    “As Partes acordan que un ataque armado contra unha ou máis delas, que teña lugar en Europa ou en América do Norte, será considerado como un ataque dirixido contra todas elas, e en consecuencia, acordan que se tal ataque se produce, cada unha delas, en ecercicio do dereito de lexítima defensa individual ou colectiva recoñecido polo artigo 51 da Carta das Nacións Unidas, axudará á Parte ou Partes atacadas, adoptando seguidamente, de forma individual e de acordo coas outras Partes, as medidas que xuzgue necesarias, incluso o emprego da forza armada, para restablecer a seguridade na zona do Atlántico Norte. Calquera ataque armado desta natureza e todas as medidas adoptadas en consecuencia serán inmediatamente postas en coñecemento do Consello de Seguridade. Estas medidas cesarán cando o Consello de Seguridade tome as disposicións necesarias para restablecer e manter a paz e seguridades internacionais”

  • Rusia corta o gas a Polonia e Bulgaria

    Rusia corta o gas a Polonia e Bulgaria

    A empresa estatal rusa Gazprom interrompeu as súas exportacións de gas a Polonia e Bulgaria na mañá deste mércores debido á súa negativa para facer pagamentos en rublos.

    O xigante gasístico ruso confirmaba, a través da súa conta en Telegram, que suspendera por completo a subministración de gas a estes dous países, que chegaba a través dos distribuidores Bulgargaz e PGNiG.

    Ao tempo que cortaba a subministración do gas, Gazprom advertía a Sofía e a Varsovia de que “Bulgaria e Polonia son estados de tránsito e en caso de retirada non autorizada de gas ruso dos volumes en tránsito a terceiros países, as subministracións para o tránsito reduciranse neste volume”.

    Polonia di que no haberá escaseza

    A ministra polaca de Clima e Medio Ambiente, Anna Moskwa, declarou ao coñecer a noticia que “non hai decretos de Putin que estean en vigor en Polonia”, en referencia á esixencia de Moscova aos contratistas estranxeiros de Gazprom “hostís á Federación Rusa” de pagar o gas importado en rublos.

    Moskwa asegurou este mércores na radio polaca que “as existencias de gas almacenado en Polonia rozan o 80 por cento, o cal é moito. Polo momento, non hai necesidade de buscar novas subministracións”.

    Bulgaria reconsiderará os seus contratos

    Bulgaria reaccionou anunciando que reconsiderará todos os seus contratos con Gazprom, mesmo un de tránsito, en resposta ao que cualifica como “chantaxe inaceptable” por parte da entidade estatal rusa.

    Así o dixo o primeiro ministro búlgaro, o proeuropeo e reformista Kiril Petkov, no poder desde decembro pasado. Petkov tamén asegurou que Bulgaria ten un plan de acción con fontes alternativas para facer fronte ao corte de subministración rusa.

    “O corte por parte de Gazprom é unha violación dos contratos, unha chantaxe que consiste en aplicar un plan fóra deses contratos de pago en rublos a través de terceiras persoas que non garante nin as subministracións nin o diñeiro dos búlgaros. Nós non nos rendemos ante unha extorsión así”, dixo Petkov.

    Aseguran que catro compradores de gas xa pagaron en rublos

    A Unión Europea tamén rexeitou a medida, en principio; aínda que agora que os prazos empezan a vencer, os gobernos de toda Europa deberán decidir se aceptan as condicións de Putin ou perden as subministracións, co risco de ter que aplicar racionamentos enerxéticos.

    Non obstante, a axencia Bloomberg, citando fontes próximas a Gazprom, asegura que un total de dez compradores europeos xa abriron contas especiais en rublos en Gazprombank e que catro xa efectuaron pagamentos na moeda rusa.

    Esa mesma fonte, desde o anonimato, indicou que non hai previstos máis cortes de gas ata a segunda metade de maio, cando se deberían producir outros pagamentos de combustible.

    O gas sobe máis do 10 % tras os primeiros cortes

    O prezo do gas natural para entrega en maio no mercado holandés sobe máis do 10 % este mércores despois de que Rusia cortase a subministración a Polonia e Bulgaria.

    A media sesión o gas natural TTF custa 108,8 euros por megawatt hora (MWh), o que supón un 10,79 % máis respecto ao peche de onte, segundo os datos do mercado consultados por Efe.

    O presidente ruso, Vladimir Putin, ordenou a finais de marzo que os países “inamistosos” pagasen as subministracións en rublos. Entre eses países estaban os EUA, O Canadá, o Reino Unido e todos os estados membros da Unión Europea (UE) -en que o gas ruso supón o 40 % do consumo-. A decisión producíase como contramedida ás sancións a Rusia pola súa campaña militar en Ucraína.

    O mecanismo ideado polo Kremlim para iso establece que eses países considerados hostís deben abrir unha conta especial en rublos e outra en divisa en Gazprombank. A idea era que o banco ruso recibiría o pago na divisa especificada no contrato de subministración de gas, o euro ou o dólar, e logo converteríao en rublos no mercado de divisas de Moscova, o MICEX, e depositaríao na conta de rublos do comprador.