O alcalde da Estrada, José López Campos, pediulle a Vanesa Iglesias, número 2 do BNG no concello, que dimita tras as súas polémicas palabras sobre o aborto de Isabel Díaz Ayuso. Iglesias comentara nunha publicación na rede social Instagram que “nin o bebé quere ser o seu fillo…” e viuse obrigada a borrar o comentario e pedir disculpas públicas.
López Campos comentou en Facebook que “esta barbaridade de comentario da nº 2 do BNG da Estrada desprende unha xenreira e un odio contra outra muller, simplemente porque pensa distinto, que a incapacita para ser concelleira na Estrada”.
“Non é a primeira vez que amosa que non sabe o lugar que ocupa”, engade, “pero isto xa supera todos os límites, polo que non me queda máis remedio que pedirlle que dimita”. E, no caso de que non o faga, para López Campos debería ser Ana Pontón “quen lle sinale a porta de saída, porque fraco favor lle fai unha persoa así ao BNG e á política en xeral”.
Por último, escribiu que “Ese comentario non foi un desliz, senón que reflectía unha forma de pensar máis próxima ao nazismo que á democracia na que temos a sorte de vivir e que temos a obriga de coidar”.
“Na vida en xeral, pero aínda máis na vida política, hai cousas inaceptables e esta barbaridade de comentario da nº 2 do BNG da Estrada desprende unha xenreira e un odio contra outra muller, simplemente porque pensa distinto, que a incapacita para ser concelleira na Estrada. Non é a primeira vez que amosa que non sabe o lugar que ocupa, pero isto xa supera todos os límites, polo que non me queda máis remedio que pedirlle que dimita. E se non o fai ela por iniciativa propia, debería ser Ana Pontón, quen por certo vai estar este domingo na Estrada, quen lle sinale a porta de saída, porque fraco favor lle fai unha persoa así ao BNG e á política en xeral. Síntoo moito, pero a min, e penso que a moita máis xente, non nos vale con borrar o comentario e pedir disculpas por orde do partido para non prexudicar a súa estratexia política. Ese comentario non foi un desliz, senón que reflectía unha forma de pensar máis próxima ao nazismo que á democracia na que temos a sorte de vivir e que temos a obriga de coidar.”
José López Campos, alcalde da Estrada, vía Facebook
Tamén Móvete mostrou a súa repulsa sobre o comentario de Iglesias a través de Facebook.
“Desde Móvete amosamos a nosa repulsa e
rexeitamento ante os desafortunados comentarios
levados a cabo por unha concelleira da nosa corporación ao respecto da noticia sobre o aborto sufrido por Isabel Díaz Ayuso. Consideramos que a sororidade demóstrase non frivolizando sobre unha cuestión persoal tan delicada como esta.Non todo vale.”
Móvete, vía Facebook

Deixar un comentario