A casa maldita da Estrada

A casa maldita da Estrada
O PSOE instou ao goberno a arranxar o tramo de maneira definitiva.

Imaxínese ter unha vivenda unifamiliar na Estrada. Esa vivenda ten un patio dianteiro. Pero resulta que de cando en vez algún vehículo leva por diante o peche do patio.

Pois iso é o que pasa na casa da familia García Lorenzo na Estrada, na que onte unha furgoneta esnafrouse contra dito valado. E non é a primeira vez. Segundo os cálculos dos veciños esta xa é a sétima, sendo a anterior en 2021.

O suceso produciuse sobre ás 9.00h, cando unha furgoneta que circulaba en dirección descendente perdeu o control tras tomar a curva, rebotou contra a beirarrúa da gasolineira e bateu contra o peche perimetral da vivenda. Por sorte, como en ocasións anteriores, non houbo danos persoais.

O arranxo estímase en 10.000 euros, aínda que o cubre o seguro.

Un punto negro

A pequena recta na que se sitúa a vivenda xa se pode considerar un punto negro das vías urbanas da Estrada. Alí os vehículos pegan freazos ao tomar a curva anterior, pero normalmente conseguen rectificar a traxectoria sen que se produzan accidentes. O problema, moitas veces, son os días de chuvia, cando se complica o freado.

Nos últimos anos tomáronse medidas que non solucionaron o problema: primeiro instalouse un semáforo no cruce coa rúa Gradín e, tras o accidente de 2021, realizouse unha pequena mellora no tramo, eliminando o pulido do asfalto para gañar adherencia.

Os afectados piden que se coloque firme antideslizante ou a colocación de elementos que eviten que os vehículos poidan subir á beirarrúa, como bolardos ou bordillos, para así evitar unha traxedia que aínda non se produciu nunha zona cada vez máis transitada por viandantes que pasan pola zona camiñando ou facendo deporte.

Reacción da oposición

O PSOE da Estrada instou ao Goberno local que se poña en contacto co titular da estrada PO-841, vial no que se produciu o accidente, “para que se actúe de forma definitiva e así, evitar novas saídas da vía, coma reducir urxentemente a velocidade xenérica e colocar mecanismos que reduzan a velocidade, ata que se dea unha solución definitiva”.

Comentarios

One response to “A casa maldita da Estrada”

  1. […] que cubir varias novas por sinistros en dito vial de titularidade autonómica: no tramo urbano varios vehículos derrubaron en numerosas ocasións o muro dunha vivenda e, o pasado 27 de outubro, unha furgoneta de reparto derrubaba outro, sempre coa sorte de que non […]

    Gústame

Deixar un comentario