López Bueno posicionouse sobre o anuncio do Concelleiro de Facenda, Alberto Blanco, da solicitude dun crédito de 3 millóns de euros. Isto débese, comentou, á débeda dese valor que ten o Concello, polo que considerou “gravísimo” que estean sen pagar “practicamente a metade das facturas rexistradas polos provedores do ano 2023”.
Estes impagos, segundo o socialista, “levan tempo estrangulando a economía das empresas da Estrada”. “Hai empresas que o están pasando realmente mal polos incumprimentos do PP da Estrada”.
Tamén fixo referencia ao retraso dos pagos dos fondos IDAE. Blanco acusara ao Goberno español de levar varios meses de retraso no pago de 8 millóns de euros e López Bueno respondeulle que “todos os concellos e empresas que manexamos fondos europeos sabemos que se tarda un tempo en cobrar” e acusou ao PP de non “estar preparados para enfrontar esa situación”.
Segundo o líder dos socialistas, “a actuación do Concello non facilitou para nada que A Estrada cobre dos primeiros” xa que se retrasou 4 meses o inicio da renovación das luminarias porque houbo que reiniciar a licitación e foi necesario pedir unha prórroga en febreiro de 2023 para poder rematar as obras. A documentación xustificativa foi presentada en xullo, “sendo dos últimos concellos en facelo”.
“Un exemplo de Concello que o fixo ben é Cangas, que certificou as actuacións en novembro de 2022 e cobrou este mes de agosto 3,2 millóns de euros”.
Luis López Bueno, líder do PSOE da Estrada
Segundo informou López Bueno, e tendo en conta a reunión de Nava Castro (PP da Deputación de Pontevedra) coa Secretaria Xeral do IDAE, os fondos “liberaránse coa maior brevidade”.
O Concello pedirá un préstamo de 3 millóns de euros
O pasado luns celebrouse unha comisión na que se debateu a solicitude dun crédito de 3 millóns de euros. O líder dos socialistas estradenses considerou “incrible” que Blanco non respondera canto debe o Concello. “Na documentación que se nos achegou non hai ningunha referencia a cal é o estado actual de pagos pendentes”.
“Escoitar as súas declaracións sobre isto é vergonzoso como representantes políticos responsables dun Concello como A Estrada. A responsabilidade da xestión económica é súa e teñen que asumir que non están pagando”
Luis López Bueno, líder do PSOE da Estrada
López Bueno valora como “escandaloso” que “o PP intente culpar a calquera antes que asumir as súas propias responsabilidades” e anunciou que non apoiarán a solicitude deste crédito “porque sería darlle o visto bo á xestión económica irresponsable e despilfarradora do PP”.
Tamén comentou que A Estrada ten “grandes funcionarios”, algo que constrasta cos “concelleiros e concelleiras do PP” xa que a proposta do crédito saiu da Tesouraría Municipal.
Por último, considerou que o Goberno local ten que “volver explicarlle aos veciños e veciñas” a suba do IBI nun 25%.
“Non pode ser que no pleno da suba do IBI o PP explicara que entre outras cousas o IDAE non pagaba e que agora a proposta que foi a comisión fale dunha situación transitoria. Non é coherente dicir que é unha situación transitoria e tomar unha medida estrutural como é subir o IBI”.
Luis López Bueno, líder do PSOE da Estrada

Deixar un comentario