O PSOE presenta unha moción para que se cree unha “Tarxeta NADO” en menos de seis meses

O PSOE presenta unha moción para que se cree unha “Tarxeta NADO” en menos de seis meses

O PSOE da Estrada presentou unha moción no Concello para crear unha axuda municipal á natalidade. Isto débese a que A Estrada perdeu un 10% da súa poboación en 20 anos, segundo o INE.

A medida estrela sería unha ‘Tarxeta NADO’ que serviría para que as familias residentes no concello e que teñan un fillo ou filla poidan realizar compras nas tendas estradenses. Segundo o líder do partido, Luis López Bueno, serviría para fomentar a natalidade e o comercio local.

A cuantía da axuda variaría en función dos ingresos que tivo a familia o ano anterior ao nacemento. Deste xeito, o ano de nacemento, a familia recibiría entre 150 e 600 euros ao mes; cando o bebé faga o seu primeiro ano de vida, entre 100 e 400 euros mensuais; entre 300 e 75 euros por mes a partir do segundo aniversario do fillo, e entre 50 e 200 euros cada mes co terceiro ano de vida.

Ademais, no caso de que o fillo teña algún tipo de minusvalía igual ou superior ao 33%, a cuantía recibida duplicaríase. Esta axuda tamén sería aplicable no caso das adopcións.

López Bueno comentou que esta medida “pode convivir coa Baby Box” e valorou que desde o PP “só foron capaces de organizar algunhas entregas” desta.

Segundo o socialista, “as políticas de natalidae deben cubrir grandes períodos de tempo” porque “un detalle puntual non incentiva a ninguén”. Por iso, sería necesario “ampliar os programas de servizos sociais destinados a menores, campamentos, actividades e transporte rural-urbano”.

“Ou se aborda a natalidade dunha forma global, ou as medidas concretas serán inútiles”.

Luis López Bueno, líder do PSOE da Estrada

Para o socialista, o seu partido é o único partido preocupado pola crise demográfica xa que se levaron a cabo medidas que eles propuxeron. Segundo contou, algunhas das súas propostas como un centro interxeracional ou un srvizo de apoio á saúde mental “dependen exclusivamente de ter locais municipais para que o servizo se poida prestar”. Un deses espazos sería o Centro de Saúde da Avenida de Santiago.

López Bueno opinou que a política demográfica do PP baséase en “ocorrencias” como a “famosa” Aldea Modelo da Sidra. Comentou que no relacionado coa política demográfica, “ou estás preocupado e tomas medidas, ou non estás preocupado”.

Comentarios

Deixar un comentario