O BNG pídelle ao Concello que se posicione contra a celulosa de Altri polas afeccións no Ulla

O BNG pídelle ao Concello que se posicione contra a celulosa de Altri polas afeccións no Ulla

O debate sobre a celulosa que Altri ten previsto crear en Palas de Rei (A Ulloa, Lugo) chega á Estrada: o BNG instou ao Concello a posicionarse en contra do proxecto.

Esta factoría empregaría, a diario, 46 millóns de litros de auga do Ulla e vertería 30 millóns de litros. A auga devolta cumpriría os estándares legais no relacionado coa contaminación desta pero, segundo Ulloa Viva, non quere dicir que non vaia a estar contaminada.

Para o BNG da Estrada “estamos diante dunha actividade industrial nin nada sostible nin moito menos circular, que terá un fortísimos impactos no territorio, no ambiente, no patrimonio cultural, nas actividades socioeconómicas, no río Ulla, na ría de Arousa e no modelo forestal”.

Xustifican a afirmación citando a área que ocupará a celulosa (366 hectáreas, 10 veces máis das que ocupa ENCE) e a chimenea de 75 metros de alto que terá a fábrica. Outro dos motivos é que o lugar no que se ubicará foi proposta para a ampliación da Rede Natura 2000.

Segundo o partido nacionalista, o vertido de augas ao Ulla afectará negativamente á calidade das augas, á biodiversidade e á produtividade no río Ulla e na ría de Arousa, terá un impacto negativo nas actividades económicas e no emprego na contorna destes e “condicionará de maneira decisiva a política forestal, incrementando a eucaliptización”.

Por iso, elaboraron unha moción na que rexeitan o proxecto, solicitan á Xunta un informe negativo da celulosa e que aprobe unha alternativa que dinamice as comarcas afectadas, que desenvolva un plan para a mellora da calidade da auga do Ulla e da ría de Arousa e que impulse a multifuncionalidade do monte.

Amais, instan ao goberno municipal a que presenten alegacións ao proxecto “polas afeccións que este causaría ao río Ulla e ao noso concello” e a que promova alegacións veciñais e poña a disposición dos veciños modelos de alegación contra a celulosa.

Comentarios

Deixar un comentario