A fábrica de Altri chega ao Pleno: “é posíbel que o concello da Estrada envíe un recado á Xunta rexeitando este megaproxecto”

A fábrica de Altri chega ao Pleno: “é posíbel que o concello da Estrada envíe un recado á Xunta rexeitando este megaproxecto”

Este xoves debateráse no Pleno do Concello a moción presentada polo BNG en marzo contra Altri. Xoán Reices, voceiro do partido, comentou que “a lentitude do PP para levar a plenos esta moción, deixa sen efecto algúns dos puntos do acordo que presentamos, como por exemplo que se refire á presentación de alegacións por parte do concello, xa que xa pasou o tempo legalmente estipulado”.

O nacionalista afirmou que a fábrica, que se construirá en Palas de Rei (Lugo), “terá unha repercusión importante, xa que a pasteira abastecerase do río Ulla, que tamén utilizará de espazo para liberar auga” que, “segundo a documentación da propia empresa, incrementará en dous graos a temperatura da auga do río, o que sen dúbida terá consecuencias sobre a fauna e a flora do Ulla”.

Comentou que “é posíbel que o concello da Estrada envíe un recado á Xunta rexeitando este megaproxecto” se “o PP cambia de actitude”, pois xa votou en contra na Comisión de Rural, e pediulle ao alcalde e ao PP  “que pense no Ulla, que pense nos veciños e veciñas da Estrada, que poña os intereses do noso concello por enriba dos intereses do PP”.


Comentarios

Deixar un comentario