Aproveitando que este mércores a Volta a España bordeará parte da fronteira da Estrada, pasando por Pontevea sobre as 17.00h, segundo o horario previsto pola organización, imos lembrar as sete veces que o pelotón recorreu as estradas do concello, centrándonos nas catro máis recentes.

As tres primeiras ocasións
A primeira vez que os ciclistas circularon polas estradas do concello foi na segunda etapa da edición do ano 1965, cando saíron de Pontevedra dirección Lugo. O belga Rik Van Looy sería o vencedor da etapa, mantendo o liderato.
Non sería necesario agardar moito para volver ao pelotón da Volta a España na Estrada, pois en 1967 A Estrada era punto de paso, novamente, da segunda etapa. A saída situouse en Pontevedra e, a meta, en Ourense, onde gañou Domingo Perurena, que se colocou de líder.
A 12ª etapa da Volta a España de 1980 saía de Santiago para chegar a Pontevedra, previo paso pola Estrada. O belga Étienne De Wilde impoñeríase na meta e Faustino Rupérez continuaría como líder da xeral ata a meta final de Madrid.
Tras isto, a serpe multicolor tardaría máis de 25 anos en volver a pasar pola Estrada.
2007

Os lectores máis novos non o lembrarán, pero houbo unha época na que, se a Volta a España pasaba por Galicia, pasaba pola Estrada. E todo comezou na segunda etapa do 2007.
A etapa saía de Allariz e tiña como única dificultade o Alto do Paraño. Na escapada do día atopábanse Manuel Vázquez (Andalucía-Caja Sur), Gustavo Domínguez (Karpin – Galicia) e Raúl García de Mateos (Relax – Gam), que serían os que atravesarían primeiro as rúas da Estrada e aos que non lles darían caza ata chegar a Santiago de Compostela, onde se situaba a meta.
O pelotón collía o ritmo habitual e nervioso previo a un sprint final e, a 2 quilómetros da chegada, producíase unha caída na metade do pelotón. Entre os afectados atopábase Daniele Benanati, quen se impuxera o día anterior en Vigo, converténdose no primeiro líder da Volta. O final decidiuse nun sprint reducido no que gañou Óscar Freire, que se colocou de líder.

2012

A 12ª etapa saía de Vilagarcía de Arousa para dirixirse á Estrada e, desde alí, ir en dirección ao Mirador de Ézaro (3ª categoría), onde remataría a etapa.
Nesta ocasión, a carreira pasaba pola vila coa fuga intentando formarse. Unha fuga na que finalmente estarían Moinard (BMC), Astarloza (Euskaltel Euskadi), De Weer (Omega Pharma) e Meyer (Orica GreenEdge).
Os de cabeza chegarían ata as primeiras rampas de Ézaro, onde o pelotón e a loita polo liderato estaban ameazando con impedirlles gañar. Astarloza lanzaba un ataque e Igor Antón, compañeiro de equipo, facía o mesmo desde o pelotón. Pero despois chegaron os ‘capos’, que nos deixaron unha batalla pola vitoria e polo liderato por parte de Alberto Contador e de Joaquim ‘Purito’ Rodríguez, quen gañaría e continuaría de líder.
2013

“Lalín / A Estrada > Fisterra. La etapa del fin del mundo”. Así recollía no percorrido oficial a Volta a España a cuarta etapa da edición de 2013. O pelotón saía desde Lalín para percorrer boa parte do norte da Estrada.
Ao paso da carreira polo casco urbano xa ían escapados Wyss (BMC), Edet (Cofidis), Veikkanen (Francaise des Jeux), Vanendert (Lotto-Belisol) e Rasmussen (Garmin Sharp). Tras pasar as duras rampas do Mirador de Ézaro só quedaba o corredor do Cofidis en cabeza, sendo cazado polo pelotón pouco despois.
O grupo principal preparábase para un final ao sprint no Faro de Fisterra, onde Daniel Moreno atacaba dentro do último quilómetro, facéndose coa vitoria da etapa.
2014

Posiblemente este sexa o paso que máis xente recorda, pois o 11 de setembro de 2014 moitos estradenses estaban nas rúas desfrutando do control de firmas e do inicio da saída neutralizada, situados na Praza do Concello e na Avenida Benito Vigo, respectivamente.
Pero este evento tiña lugar tamén nun clima de certa tensión porque en decembro do 2013 o Movistar (equipo participante na carreira) decidía rescindir a Álex Marque por un presunto caso de dopaxe que, poucas semanas antes desta saída da Volta a España, coñeceríase de forma oficial que era falso. Esta situación impediu que o estradense puidese competir no máis alto nivel, algo que non gustou entre os afeccionados do pobo.

O pelotón saía da Estrada para realizar un dobre paso polo Monte Castrove (Meis), onde se situaría a meta da etapa. Era unha das últimas etapas da edición, tamén especial porque remataba nunha contrarreloxo en Santiago de Compostela e non no tradicional paseo polas rúas de Madrid.
No final da etapa producíronse unha sucesión de ataques desde o grupo dos favoritos, ata que a algo máis de 3 quilómetros para o final atacaba Fabio Aru. O italiano conseguía abrir un oco de 10 segundos co grupo principal e atacaba Joaquim ‘Purito’ Rodríguez, faría que só estivesen nun grupo Valverde, Contador, Froome e el. Froome atacaba e conseguía chegar ata Aru, o ciclista que finalmente vencería a etapa.
Cando regresarán?
Pasaron dez anos desde que rematou ese ‘periodo glorioso’ no que o pelotón pasaba pola Estrada sempre que viña a Galicia. De todas as veces que regresou, este mércores será o día no que máis preto os teñamos, coa posibilidade de que nos deixen unha interesante loita entre os favoritos á xeral grazas ao terreo ‘rompepernas’ galego.
A gran pregunta é cando volveremos ver aos profesionais rodar polas estradas do concello. A primeira oportunidade pode ser na cuarta edición do Gran Camiño, a nova Volta a Galicia, pois nas tres edicións celebradas a etapa da provincia de Pontevedra recorreu o sur desta.
Imaxe de portada: Paso da cabeza de carreira pola Estrada no 2007 // Captura TV


Deixar un comentario