O primeiro Premio Ramón Verea podería entregarse en 2025

O primeiro Premio Ramón Verea podería entregarse en 2025

O pleno do Concello aprobou este xoves a creación do Premio de Ciencia Ramón Verea, tras ser proposto polo BNG. Todos os partidos con representación coincidiron na importancia de resaltar a figura do estradense e que se levarán a cabo reunión para rematar de definir como vai ser o galardón.

Como a moción foi presentada polo BNG, Xoán Reices, voceiro do partido, foi o primeiro en intervir, destacando que Verea é “unha das persoas máis importantes a nivel mundial da Estrada”, posto que inventou a primeira calculadora.

Afirmou que a “canteira científica” estradense ten “problemas para levar a cabo as súas actividades” pola falta de cartos, polo que o galardón podería levar asociado un beneficio económico para axudalos.

Luis López Bueno, voceiro do PSOE, destacou que a creación destes premios “resolve unha área na que o Concello non estivera tan presente” e asegurou que o estradense “ten que ter un premio á altura do seu legado”.

A voceira de Móvete, Mar Blanco Casais, resaltou a importancia de recoñecer a figura de Ramón Vera.

Pola súa banda, Amalia Goldar, do Partido Popular, valorou a iniciativa de “interesante” e lembrou que en varios 8M destacaron o papel das mulleres científicas. Asegurou que o galardón debería ter un “matiz municipal” co que se inculque a ciencia nos máis novos.

Gonzalo Louzao, alcalde do concello, afirmou que “entre os máis novos sorprende que o inventor da calculadora sexa da Estrada” e que se vai traballar co obxectivo de entregar o primeiro premio en 2025.


Imaxe de portada: Retrato de Ramón Verea // anónimo / Wikipedia

Comentarios

Deixar un comentario