Este sábado, Pedro Puy, Irene Garrido e Juan Andrés Boyán, deputados do PP no Congreso, achegáronse ata A Estrada para pedirlle ao Goberno que tome medidas na N-640.
Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada, asegurou que na súa primeira semana como mandatario pediulle unha reunión ao Subdelegado do Goberno xunto co alcalde de Cuntis, que é do PSOE. Esa reunión aínda non se celebrou.
O tramo urbano da estrada foi escenario de varios atropelos, algún con falecidos, polo que instaron ao Ministerio a implantar medidas como as propostas pola Policía Local. A curto prazo serían a medidas luminosas e sonoras e a mellora da sinalización e, a medio prazo, a construción da variante.
Asegurou que “debe de ser das peores nacionais que ten o Goberno” e mencionou que se van acometer asfaltados entre Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis, sen que estes cheguen á Estrada.
“A ver se o PSOE e o BNG se unen a nós para manifestarnos, para facer un achegamento en Madrid”
Predro Puy afirmou que “os informes da Policía Local amosan unha situación de alto risco” e que lle van a “preguntar ao Goberno que plans ten para corrixir esta situación, imos instar ao Goberno para que implante no curto pazo as medidas que poidan mellorar a seguridade e imos tentar por todos os medios que se faga esa variante”.
Comentou que, no caso de haber presupostos, van presentar unha enmenda para incluír neles a variante e que o Ministerio xa ten ferramentas para solucionar esta situación.
Louzao engadiu que os partidos da oposición estradense “sinalan mal a súa axenda política. A axenda política dos estradenses é que leva 30 anos sendo esta N-640 da cal ninguén se manifesta, ninguén se preocupa e ninguén pide firmas”.
“Foron moi rápidos en, cando puxemos os sinais, quitárnolos ao día seguinte pero a conservación, poñernos sinais no casco urbano para sinalizar mínimamente non foron tan rápidos”.
Imaxe de portada: Membros do PP cruzando a N-640 // O Xornal da Estrada


Deixar un comentario