No mes de setembro os veciños de Ribela queixábanse de que tiñan grandes complicacións á hora de enviar mensaxes ou facer chamadas por falta de cobertura. Agora, case dous meses despois, a situación é a mesma, tal e como nos comentan.
“En sitios nos que antes había algunha liña, agora 0 cobertura. Noutros sitios igual durante uns segundos aparece a cobertura case no máximo e, de repente, queda sen ningunha”. Por iso, seguen necesitando o teléfono fixo cando a sociedade se move cos móbiles.
O problema é maior cando se trata de citas médicas telefónicas ou de situacións de emerxencia: “Hai unhas semanas houbo un accidente con volco en Ribela no que, por sorte, non houbo feridos, pero ata para chamar aos servizos de emerxencias a conductora pasou grandes dificultades”.
Seguen agardando ao repetidor que se lle prometeu aos veciños de Sesto e do que aínda non recibiron novidades. Mentras, cada ano que pasa a cobertura continúa a empeorar, algo que din non entender.
E non son os únicos. En Codeseda, Liripio Vinseiro, Parada, Pardemarín e Sabucedo tamén se ven afectados por esta ausencia de cobertura.
Outro dos problemas é a ausencia de fibra de banda ancha, polo que os que teletraballan “non poden estar aquí”. Contan que cando o ano pasado fixeron a promesa de colocar o repetidor, tamén comentaron que “máis adiante instalarían a fibra”, algo que tampouco chegou.
Na procura de solucións
O alcalde Gonzalo Louzao comentou a este medio que si que intentou facer xestións, pero que polo momento aínda non seron os seus froitos. Mentras, en Ribela terán que continuar buscando a zona da casa, do lugar e da parroquia no que consigan ter cobertura ata que a volvan a perder e teñan que buscar outro lugar.
Imaxe de portada: cambios repentinos na cobertura en Ribela // cedidas


Deixa unha resposta a Reunión este domingo en Ribela para crear unha asociación de veciños – O Xornal da Estrada Cancelar a resposta