Por Luis López Bueno
Mal que me pese hai que darlle a razón a Marcos Cacabelos, xerente das Hamburgueserías Brawin. Dá moita rabia xa non só dende o plano político, se non como veciño da Estrada. Marcos dixo con crudeza que A Estrada está morta. Eu quero pensar que só estamos en coma e que aínda queda esperanza, pero os números son caprichosos.
Estamos vivindo un retroceso sen precedentes no Concello da Estrada. Todos os datos din o mesmo: mínimo histórico de poboación, perdemos PIB mentres a nosa contorna medra, máis de 35 comercios pecharon este ano, non hai industria nova e a que aínda temos comeza a deslocalizarse… non hai nada bo ao que aferrarse.
Dá rabia porque o comercio e a hostalaría son o termómetro dun pobo, é onde se move a xente. Desgraciadamente non me queda outra que darlle a razón a Marcos, ás 10 da noite non hai ninguén na rúa, é certo.
Ademais non hai ninguén nos comercios. O que me contan os e as comerciantes da Estrada é que este nadal foi normaliño e que Xaneiro está sendo nefasto. Aínda me comentaban onte que “sempre é regular, sálvannos as rebaixas, pero coma este ano ningún”.
O certo é que me dá rabia como veciño, pero tamén como concelleiro da oposición. Van 14 anos sen que o goberno fora capaz de sacar adiante ningunha proposta para o comercio. Nin sequera quixeron apoiar as que fixemos dende o Grupo Municipal Socialista (bono comercio, estudo comercial, apoio a familias con fillos e fillas, etc.).
Non apoiaron nada e así estamos: o Novo Mercado cada día máis baleiro por moito que agora haxa unha pescadería nova. Comercios pechando incluso na “milla de oro”, na que se contan por decenas os baixos baleiros. Algúns negocios pecharán pronto sen que ninguén colla o relevo. É un escenario catastrófico.
E isto tennos que levar a pensar moitas cousas a todos. Aos políticos tennos que facer reflexionar sobre se estamos atinando co que propoñemos (os que propoñemos algo), e tamén haberá que reflexionar sobre os autónomos por exemplo. Os propietarios deberían darlle unha volta ao prezo de aluguer dos baixos comerciais, sería bo facilitarlle o traballo ás persoas que queren abrir un negocio na Estrada. Os veciños e veciñas en xeral tamén teremos que pensalo dúas veces antes de mercar online ou ir a Vialia ou as Cancelas a facer as nosas compras.
Fai falla unha reflexión colectiva e o que poida facer, que faga.



Deixa unha resposta a Xurxo Cancelar a resposta