Cort Nielsen impón a súa autoridade na Estrada

Cort Nielsen impón a súa autoridade na Estrada

Dicíase que podía haber 5 etapas e 5 líderes, dicíase que Magnus Cort Nielsen (Uno-X Mobility) podería perder este xoves o maillot amarelo, o propio Cort Nielsen dicía que el non se vía gañando a carreira, pero o que demostrou hoxe foi unha lección de traballo en equipo ben planificado e que mentras poida, seguirá sendo o líder do Gran Camiño.

A saída neutralizada dábase en Marín e, case as 14.00h, lanzábase a carreira. A fuga non se formou ata 20 quilómetros despois do inicio da etapa e nela estarían Rémi Daumas (Groupama-FDJ), Ander Okamika (Burgos Burpellet BH) e Álvaro Sagrado (Illes Balears Arabay).

A escapada pasando por diante do Concello da Estrada // Kike Abelleira

Okamika pasaría o primeiro polos portos de San Antoniño e San Vicenzo, no primeiro paso, para así asegurarse unha xornada máis o maillot azul que o acredita como líder da clasificación por puntos. Tamén sería o primeiro no Sprint Bonificable de Moraña e, no da Estrada, foino Rémi Daumas.

Paso pola Estrada // Kike Abelleira

O terceto chegou a ter máis de tres minutos de vantaxe pero, tras o segundo paso por meta, un pelotón liderado polo Israel-Premier Tech conseguiu reducir a distancia ata chegar a neutralizalos pouco antes do último ascenso a San Vicenzo.

Nese porto saltaba Derek Gee (Israel – Premier Tech) formándose un grupo de seis corredores entre os que se atopaban Jefferson Cepeda (Movistar Team), Davide Piganzoli (Team Polti Visit malta) e Mauri Vansevenant (Soudal Quick-Step). Sería Piganzoli quen pasaría en primeira posición polo alto do porto.

Ascenso a San Vicenzo // Luis Angel Gomez/SprintCyclingAgency

Tras un rápido descenso, o pelotón neutralizou aos seis escapados e a falta de 5,5 quilómetros para o final, un valente Maxime Decomble (Groupama FDJ) intentou sorprender desde lexos saltando do pelotón e mantendo unha lixeira vantaxe respecto este, aínda que a súa aventura rematou a un quilómetro de meta.

Nese momento quedaba claro que a victoria íase decidir entre os máis rápidos do grupo, sendo Magnus Cort Nielsen quen se impuxo con certa vantaxe no sprint final. Segundo remataba Matin Marcellusi (VF Group BardianiCSF-Faizane)e terceiro, o galego do Movistar Team Carlos Canal.

Victoria de etapa // O Xornal da Estrada

Clasificacións

Na xeral repítese o podio con Cort Nielsen avantaxando a Marcellusi en 14 segundos e a Canal en 16. Aínda así, continúa moi apretada nas primeiras posicións.

A batalla por ser o mellor equipo tamén estará moi apretada, liderando o Uno-X Mobility, pero tendo o Movistar Team e o Soudal Quick-Step o mesmo tempo.

En canto ao maillot da regularidade, Cort Nielsen continúa liderando con superioridade a clasificación e este venres será Carlos Canal quen porte o maillot. Na montaña, Ander Okamika ten garantido o maillot azul ata, polo menos, o sábado. No caso do mellor sub-23, podemos agardar cambios mañá, pois a clasificación lidéraa Samuel Fernández (Caja Rural) empatado a tempos con Viktor Soenens (Soudal Quick-Step) e Johannes Kulset (Uno-X).

Abandono por caída

Ibon Ruiz, ciclista do Kern Pharma, tivo que abandonar tras sufrir unha caída. As probas médicas posteriores revelaron que sufre unha fractura da clavícula esquerda sen desprazamento.


Imaxe de portada: Cort Nielsen gaña na Estrada // Kike Abelleira

Comentarios

Unha resposta a “Cort Nielsen impón a súa autoridade na Estrada”

  1. Avatar de Ricardo Terceiro: “O gañador sairá da etapa do Cebreiro” – O Xornal da Estrada

    […] Comentou que foi como a tiñan previsto, sendo unha especie de “clásica holandesa, de clásica belga con ese muro en Ribeira onde se supoñía que ía quedar moita parte do pelotón descolgado” e que quedarían uns 20 ciclistas para desputar o final da etapa. Lembrou que apostara para a victoria de etapa por Magnus Cort Nielsen ou polo seu compañeiro Andreas Kron ou polo ciclista do Movistar Jefferson Cepeda. Finalmente, gañou o primeiro. […]

    Gústame

Deixar un comentario