Dicíase que podía haber 5 etapas e 5 líderes, dicíase que Magnus Cort Nielsen (Uno-X Mobility) podería perder este xoves o maillot amarelo, o propio Cort Nielsen dicía que el non se vía gañando a carreira, pero o que demostrou hoxe foi unha lección de traballo en equipo ben planificado e que mentras poida, seguirá sendo o líder do Gran Camiño.
A saída neutralizada dábase en Marín e, case as 14.00h, lanzábase a carreira. A fuga non se formou ata 20 quilómetros despois do inicio da etapa e nela estarían Rémi Daumas (Groupama-FDJ), Ander Okamika (Burgos Burpellet BH) e Álvaro Sagrado (Illes Balears Arabay).

Okamika pasaría o primeiro polos portos de San Antoniño e San Vicenzo, no primeiro paso, para así asegurarse unha xornada máis o maillot azul que o acredita como líder da clasificación por puntos. Tamén sería o primeiro no Sprint Bonificable de Moraña e, no da Estrada, foino Rémi Daumas.

O terceto chegou a ter máis de tres minutos de vantaxe pero, tras o segundo paso por meta, un pelotón liderado polo Israel-Premier Tech conseguiu reducir a distancia ata chegar a neutralizalos pouco antes do último ascenso a San Vicenzo.
Nese porto saltaba Derek Gee (Israel – Premier Tech) formándose un grupo de seis corredores entre os que se atopaban Jefferson Cepeda (Movistar Team), Davide Piganzoli (Team Polti Visit malta) e Mauri Vansevenant (Soudal Quick-Step). Sería Piganzoli quen pasaría en primeira posición polo alto do porto.

Tras un rápido descenso, o pelotón neutralizou aos seis escapados e a falta de 5,5 quilómetros para o final, un valente Maxime Decomble (Groupama FDJ) intentou sorprender desde lexos saltando do pelotón e mantendo unha lixeira vantaxe respecto este, aínda que a súa aventura rematou a un quilómetro de meta.
Nese momento quedaba claro que a victoria íase decidir entre os máis rápidos do grupo, sendo Magnus Cort Nielsen quen se impuxo con certa vantaxe no sprint final. Segundo remataba Matin Marcellusi (VF Group BardianiCSF-Faizane)e terceiro, o galego do Movistar Team Carlos Canal.

Clasificacións
Na xeral repítese o podio con Cort Nielsen avantaxando a Marcellusi en 14 segundos e a Canal en 16. Aínda así, continúa moi apretada nas primeiras posicións.

A batalla por ser o mellor equipo tamén estará moi apretada, liderando o Uno-X Mobility, pero tendo o Movistar Team e o Soudal Quick-Step o mesmo tempo.
En canto ao maillot da regularidade, Cort Nielsen continúa liderando con superioridade a clasificación e este venres será Carlos Canal quen porte o maillot. Na montaña, Ander Okamika ten garantido o maillot azul ata, polo menos, o sábado. No caso do mellor sub-23, podemos agardar cambios mañá, pois a clasificación lidéraa Samuel Fernández (Caja Rural) empatado a tempos con Viktor Soenens (Soudal Quick-Step) e Johannes Kulset (Uno-X).



Abandono por caída
Ibon Ruiz, ciclista do Kern Pharma, tivo que abandonar tras sufrir unha caída. As probas médicas posteriores revelaron que sufre unha fractura da clavícula esquerda sen desprazamento.
Imaxe de portada: Cort Nielsen gaña na Estrada // Kike Abelleira


Deixa unha resposta a Ricardo Terceiro: “O gañador sairá da etapa do Cebreiro” – O Xornal da Estrada Cancelar a resposta