Aseguran que corre o risco de derrubarse
Todas as obras de arte teñen un dereito inalienable a unha existencia digna e honorable, polo que é necesario que se conserven en boas condicións. No caso dunha obra patrimonial deste concello non está sucedendo, correndo o risco de que o seu estado empeore.
Falamos do Hórreo do Cura de Ribela que, tal e como denuncian os veciños da parroquia, corre o risco de derrubarse. A veciñanza trasladoulle esta situación á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da consellería de Cultura e solicitaron a súa restauración.
Segundo puideron saber, o arcipreste comunicou tras saír dunha misa na parroquia que a Igrexa restaurará a imaxe de Santa Mariña, valorada en 850 euros, pero que non se farán cargo da reparación do hórreo e, como moito, só pagarán os 500 euros que custa a licenza municipal de obras. Os custos da restauración ascenden a 24.400 euros.
Os veciños lembran que o hórreo pertence á Igrexa, polo que debería ser esta a encargada de realizar as obras de restauración.
Imaxe de portada: Hórreo do Cura de Ribela // cedida


Deixa unha resposta a A Igrexa tamén se nega a restaurar a imaxe de Santa Mariña de Ribela – O Xornal da Estrada Cancelar a resposta