Os maiores que quedaron “enganchados” ao baile tradicional

Os maiores que quedaron “enganchados” ao baile tradicional

Era unha actividade que viña a substituír temporalmente á de Musicoterapia, pero rematou gañando adeptos, ata o punto de reclamar que se inclúa nas ofertas de actividades para maiores. Así é que Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada e Amalia Goldar, edil de Benestar Social, confirmaron que están valorando incluír o baile tradicional entre as actividades adicadas ao envellecemento activo.

As clases comezaron en xaneiro, cando por motivos alleos ao Concello non se puideron celebrar as sesións de Musicoterapia e remataron este martes cunha foliada e merenda compartida.

Tanto Louzao coma Goldar visitaron as clases que Tequexetéldere impartiu no Novo Mercado para pasar un tempo distendido con estes maiores “enganchados” ao baile tradicional e animáronse con algunha peza.

“Seguro que non pensaban que o baile galego fose para eles e agora dálles moita pena deixalo”

Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada

Intentaráse que nos últimos meses do ano xa se poida ofertar e que a partir de 2026 teña un oco asegurado “como nova actividade, non como substituta de ningunha outra”.

Nesta foliada participou Amparo, unha veciña de 88 anos que hai dúas décadas colaborou con Tequexetéldere nas gravacións para a recollida, preservación e difusión da Xota e Muiñeira de Lagartóns, a súa parroquia natal. Con isto reviviu o seu gusto polo baile da terra.

No mes de abril vanse retomar as clases de Musicoterapia, que tamén teñen unha gran acollida e alongaránse ata o mes de xuño.


Imaxe de portada: participantes nas clases de baile galego // cedida

Comentarios

One response to “Os maiores que quedaron “enganchados” ao baile tradicional”

  1. Avatar de Regresan as clases de baile galego que ‘engancharon’ aos maiores – Xornal da Estrada

    […] marzo de 2025 publicabamos unha noticia titulada Os maiores quedaron ‘enganchados’ ao baile tradicional, en relación ás clases de baile galego que se ofertaron desde o Concello como substitutivo […]

    Gústame

Deixa unha resposta a Regresan as clases de baile galego que ‘engancharon’ aos maiores – Xornal da Estrada Cancelar a resposta