Óscar Durán, concelleiro de Promoción Económica, avanzou este xoves que o Punto Limpo reabrirá despois da Semana Santa, aínda que as obras xa remataron. A demora débese a que aínda non está instalado o sistema de seguridade – algo que se fará, segundo a empresa responsable, “nunha semana ou dez días”. Pese a non estar en funcionsmento, hai uns días rexistrouse un roubo no que levaron barras de ferro e ocasionaron pequenos desperfectos.
En canto aos vertidos que se produciron nos arredores, lembrou que estes conlevan sancións económicas para quen os realice e agardou que o aumento da vixilancia policial e o incremento das medidas de seguridade do entorno atallen tanto roubos coma vertidos.
Durán pediu aos ciadáns “paciencia”, pois é un peche de carácter temporal co obxectivo de realizar melloras en beneficio do servizo e do usuario. Recordou que nel só se poden verter residuos “de uso doméstico” e non refugallos das empresas.
Coa súa reapertura despois da Semana Santa introduciránse unha serie de cambios: a partir de agora o usuario deberá identificarse, establécese un máximo de quilos para o depósito e creouse unha caseta para Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos, que requiren dunha estancia pechada e illada e teñen que ser depositados con identificación da persoa que o achega e terá que ser pesado e etiquetado axeitadamente.
Outro dos cambios previstos é a reducción da factura dos 180.000 aos 150.000 euros. O que si que non cambiará serán os horarios, manténdose os previos ao peche: de 09.00 a 13.00 horas os xoves e venres e en horario partido os sábados, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 17.00.
Geseco limpará as rúas
Noutra orde dos temas, Durán anunciou que Geseco será a firma encargada de acometer a limpeza da alameda, praza do Concello, rúas San Antón, Serafín Pazo, Calvo Sotelo, Travesía de Vea, Travesía da Igrexa, Cruceiro (Zonados Viños), Peregrina, Pérez Viondi (no tramo comprendido entre a Praza de Galicia e Avenida Benito Vigo), Don Nicolás, Iryda e Praza do Mercado.
Imaxe de portada: Nova distribución do Punto Limpo // cedida

Deixar un comentario