“Un porquiño polo San Martiño” gaña o Premio Alberte Quiñoi

“Un porquiño polo San Martiño” gaña o Premio Alberte Quiñoi

Macarena García Vicente, escritora e Iria Bermúdez Rozas, ilustradora, gañaron o Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi, organizado polo Concello da Estrada co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Fixérono coa obra Un porquiño polo San Martiño, que foi presentada baixo o pseudónimo “Lacón e grelos”.

O xurado conformárono Sandra López Díaz, Sara Valcárcel Maceira, José Tomás Díaz Teijo, Armando Requeixo Cuba e Carlos Loureiro Rodríguez, exercendo este último como secretario. En total presentáronse 13 obras.

Tras informar ás autoras de que serían galardoadas, o xurado quixo destacar que Un porquiño no San Martiño, “presenta unha estética moi coidada, tanto no tratamento visual como na elección
dos elementos gráficos, o que contribúe a unha experiencia lectora sólida e atractiva”.

“Pon en valor o respecto e o coidado animal dun xeito honesto e sensible, sen caer na simplificación nin no exceso didáctico”

Fallo do xurado

“Este enfoque, xa de por si relevante, vese reforzado polo xiro final da historia, que rompe coas expectativas iniciais e engade profundidade ao conxunto”, comentaron.

Destacaron a coherencia do texto e das imaxes, dado que “ambos elementos están ben integrados e funcionan como un todo, apoiándosemutuamente e reforzando a mensaxe que a obra quere transmitir”. Ademais, valoraron o “coidado sentido do humor” e o tratamento da morte. “A ilustración reforza, tamén, a esfera psicolóxica do porquiño protagonista, amosando diferentes arestas emocionais”, concluíron.

Un porquiño polo San Martiño será publicado pola Editorial Galaxia nos vindeiros meses. As gañadoras recibirán 4000 euros.


Imaxe de portada: Premio Alberte Quiñoi // cedida

Comentarios

Deixar un comentario