MAPA | A maioría dos aeroxeradores de Ventoburgo colocaránse a menos dun quilómetro das casas

MAPA | A maioría dos aeroxeradores de Ventoburgo colocaránse a menos dun quilómetro das casas

O pasado 27 de maio o BOE recollía o anuncio de exposición pública de varios proxectos eólicos, entre os que se incluía o de Ventoburgo, co que se van ver afectados os montes de Liripio e Sabucedo. Ademais, informaba de que o prazo para presentar alegacións remata o 26 de xuño.

Este parque eólico está dividido en catro módulos que afectarán a tres concellos diferentes: Graña (A Estrada), Filgueira (Cerdedo-Cotobade), Rozaleira e Cacharei (ambos en Forcarei). A través dos 14 aeroxeradores previstos poderíanse xerar 59,85 MW.

A realidade é que moitos dos aeroxeradores estarán a menos dun quilómetro das vivendas. Son numerosos os casos de núcleos que quedarán a unha distancia inferior ou moi próxima a esta barreira. Nas seguintes liñas citamos algúns.

No caso do módulo da Graña, os aeroxeradores 1 e 2 terán unha altura de 219,5 metros, sendo os máis altos do proxecto. O primeiro colocaríase a 942 metros en liña recta das casas da Graña de Cabanelas, na parroquia de Quintillán (Forcarei), e o segundo, a menos de 940 metros das de Cabanelas, en Liripio (A Estrada).

Menor sería a existente entre o terceiro e o cuarto de Cacharei e o lugar da Mámoa, na parroquia forcareiesa de Castrelo (826 e 830 metros, respectivamente). As distancias máis curtas atopámolas no concello de Forcarei, concretamente entre o aeroxerador 1 de Cacharei e o lugar de Salgueiro (699 metros) e entre o quinto dese mesmo módulo e o lugar de Liñares, en Castrelo (645 metros).

Maiores distancias

Nos últimos anos as políticas foron aumentando a distancia mínima entre os núcleos de poboación. Preguntados por este medio, desde a asociación Tarabelas na Terra de Montes comentan que a Xunta modificou a distancia mínima esixida.

De feito, puidemos comprobar que no DOG do 31 de decembro de 2024 menciónase que “a distancia dos aeroxeradores ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado será a maior destas dúas: 500 metros ou 5 veces a altura total do aeroxerador (buxa máis pa)” – algo que non sucedería nos casos citados anteriormente. Esta medida aplícase a todos os proxectos eólicos presentados ante a Xunta de Galicia desde o 20 de outubro de 2021.

Fragmento do DOG do 31 de decembro de 2024

Desde Tarabelas na Terra de Montes coméntannos, sempre desde a máxima prudencia, que no caso de que a Xunta sexa consultada polo MITECO – organismo a través do que se tramita o parque eólico de Ventoburgo – “podería informar desfavorablemente ao expediente, a un proxecto ou a un conxunto de muíños que non cumplan coa súa normativa”. Iso, engaden, favorecería aos veciños.

Tamén nos remiten a unha sentenza do TSXG pola que se suspendía cautelarmente o parque eólico Cunca, en Vila de Cruces, por atoparse a pouco máis de 510 metros dun núcleo de poboación.

Dela destacan que a Xunta emitira unha declaración de impacto ambiental desfavorable ao parque eólico de Gasalla, que afectaba aos terreos de Casa Grande de Xanceda porque unha distancia inferior a dous quilómetros podería ocasionar unha perturbación significativa ao gando vacún. De feito, os maxistrados comentaron que “entendemos que sería absurdo que a Administración fixera de peor condición aos seres humanos que aos animais”.

Imaxe de portada: mapa do parque eólico de Ventoburgo // Xornal da Estrada / Google Maps

Comentarios

One response to “MAPA | A maioría dos aeroxeradores de Ventoburgo colocaránse a menos dun quilómetro das casas”

  1. Avatar de Os alcaldes da Estrada, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e A Lama móstranse unidos contra tres novos eólicos – Xornal da Estrada

    […] outros dous proxectos que pretenden instalar aeroxeradores nos montes da contorna. Os parques de Ventoburgo, Sistesas e Xestiloi afectarán aos concellos de Forcarei, Silleda e Cerdedo-Cotobade. No caso de […]

    Gústame

Deixar un comentario