O venres 20 e o sábado 21 celebraráse unha nova edición do A Fume de Carozo. A totalidade dos actos, a excepción do pintado dun mural con graffiti, celebraránse na Estación de Autobuses.
Tal e como explicou o artista local Manuel Míguez, máis coñecido como Poke, este evento busca “achegar á Estrada a cultura hip-hop e rap”. De feito, unha das actividades previstas será o pintado dun mural de 65 metros de longo que terá como temática a natureza. O graffiti, comentou é “unha das actividades máis influíntes no hip-hop galego”, aínda que non habitúa a haber eventos do estilo do A Fume de Carozo.
Contará con artistas que pasaron por grandes festivais franceses e croatas. Entre os 15 participantes atópanse Tremze, un francés residente en Vigo, e Rags, un galego especializado en letras.
O 21 de xuño, paralelo ao muro, haberá un taller de graffiti, pensado para “os nenos e os non tan nenos”. Faráse un grupo de máximo 15 participantes, aínda que, no caso de ser moi alta a demanda, crearíase un segundo grupo.
Outro dos pratos fortes do evento serán as batallas de freestyle, que servirán de clasificatoria para un evento en Padrón, sendo a última clasificatoria nacional para este. Nel participarán artistas recoñecidos a nivel galego, como Clemente ou o estradense Axel.
Tanto o 20 coma o 21 haberá serigrafía en vivo. Durante dúas horas, os asistentes poderán serigrafiar as súas camisetas ou as que merquen alí con algún dos dous deseños dispoñibles. Deste xeito, poderán coñecer de primeira man como se serigrafía. Nel participarán persoas con experiencia en festivais españois e franceses.
Na primeira xornada tamén contarán con Samuel, un bailador de break coruñés que conta cunha ampla traxectoria a nivel nacional e internacional. El dará unha charla sobre a súa novela gráfica e impartirá un taller de debuxo de estilo medieval, caricaturesco e orientado ás novelas gráficas.
A inscrición nas actividades faráse a través do Instagram do evento (@afumedecarozo_jam). Ademais, mostráronse abertos a decorar o muro das persoas que así o desexen, pois moitas veces resulta difícil atopar un.
Imaxe de portada: presentación do A Fume de Carozo // Xornal da Estrada

Deixa unha resposta a Este venres comeza o A Fume de Carozo – Xornal da Estrada Cancelar a resposta