Xoán Reices criticou que se destruíu unha illa do río
Nas últimas xornadas o Concello da Estrada comezou a preparar as instalacións da praia fluvial de Porta Pousada – máis coñecida polo nome do río que a baña, o Liñares – para a tempada de baño que comezará o 1 de xullo, cando se incorporará o servizo de socorrista. Actualmente, estánse a celebrar un amplo número de eventos, estando o baño prohibido.
Os traballos realizados este ano de cara a súa reapertura foron maiores ca os de anos anteriores, pois o curso do río viuse moi afectado polos diferentes temporais e moitos troncos e pólas arrastrou a corrente quedaron nas comportas. De feito, foi necesario o uso de medios mecánicos para retirar tanto a ramallada como a broza, pois ao colocarse as comportas e subir o nivel da auga, poderían supoñer un risco para o baño.
Nos vindeiros días, ademais, chegarán á praia camións cargados de area, que se empregará para rexenerar os 150 metros de areal. De igual xeito, xa se realizaron labores de roza na zona verde e melloras na carballeira. Asemade, fíxose unha importante actuación de mellora no establecemento que se emprega para a subministración de bebidas frías e xeados.
Reices critica a destrución dunha illa natural
Xoán Reices, voceiro do BNG, pediu explicacións por unha actuación que destruíu unha illa natural do río Liñares. “Isto é unha desfeita”, asegurou, “é inconcibíbel que se poida actuar con este desleixo e esta impunidades sobre o noso medio natural, nunha contorna de recreo e esparexemento moi especial para os nosos veciños e veciñas”.

Avanzou que van levar este asunto ao pleno e que “queremos saber se o alcalde era consciente desta obra e do dano que ía causar neste entorno natural; queremos saber con que permisos contaba o concello para actuar deste xeito”. De feito, plantéxanse levar o asunto ao Parlamento Galego.
“Indagaremos para saber se Augas de Galicia era sabedora desta actuación e se a autorizou ou non”
Xoán Reices, voceiro do BNG
Segundo Reices, “non é a primeira vez que o PP fai unha actuación agresiva sobre o noso medio natural”. Para exemplificalo lembrou que “hai 10 anos outra actuación do concello arrasou a praia fluvial de Barcala, un espazo de lecer localizado en plena Red Natura 2000”. Rematou asegurando que o PP é “o partido Terminator”.
Imaxe de portada: troncos nas comportas // Concello da Estrada

Deixa unha resposta a A praia de Liñares estará aberta ata mediados de setembro – Xornal da Estrada Cancelar a resposta