A ilusión do San Paio

A ilusión do San Paio

Gonzalo Louzao Dono, alcalde da Estrada

Tralo éxito das festas do Salmón e da Feira da Sidra celebradas hai poucas semanas con grande afluencia de público, toman o relevo as nosas festas patronais de San Paio. Festas que son sempre unha boa ocasión para unirnos ao redor das nosas tradicións e acender a chama da ilusión colectiva.

Tamén son un momento idóneo para acoller, amigablemente, todos os visitantes que, ao abeiro do programa de festexos e dos moitos atractivos que en materia patrimonial e gastronómica posúe o municipio, se achegan á nosa vila para gozar da súa hospitalidade.

Non quero deixar pasar a ocasión tampouco de agradecerlle á comisión de festas o empeño que puxo en confeccionar un programa variado e de calidade. Todos e todas as que formamos parte, nalgún ou outro momento, dunha comisión de festas sabemos a importancia que ten esta celebración para unha vila en termos de unidade e convivencia, e o esforzo que supón a súa organización.

Pero se as Festas de San Paio responden á teima de conservar e potenciar as nosas tradicións, tamén deben ser ese momento especial que nos permita compartir momentos de alegría e diversión con familiares e amigos. As festas son sempre a mellor escusa para aparcar os problemas do día a día e gozar da hostalaría local e dos moitos engados que ten o noso municipio e as súas xentes.

Aproveito, por último, a ocasión para darlles a benvida a todos os veciños e veciñas que se incorporaron á nosa comunidade durante estes doce últimos meses. A Estrada é unha vila de brazos abertos. Así que desexo de todo corazón que pasedes uns días inolvidables durante as festas, gozando da fraternidade e o vitalismo das nosas xentes.

Imaxe: // Concello da Estrada

Comentarios

One response to “A ilusión do San Paio”

  1. Avatar de Xornal da Estrada comeza unha ampla cobertura polas festas de San Paio – Xornal da Estrada

    […] venres comezou a cobertura especial do Xornal da Estrada polas festas de San Paio. Fíxoo cun artigo de opinión do alcalde estradense, Gonzalo […]

    Gústame

Deixa unha resposta a Xornal da Estrada comeza unha ampla cobertura polas festas de San Paio – Xornal da Estrada Cancelar a resposta