Un mosaico con séculos de historia e múltiples vivencias

Un mosaico con séculos de historia e múltiples vivencias

Trala protocolaria sesión de fotos á que sometemos os medios de comunicación aos protagonistas das nosas noticias, varios alumnos do IES Manuel García Barros recíbennos na biblioteca do centro. Vannos comentar como é que, desde este venres, teñen exposto unha réplica dun mosaico romano da antiga Gallaecia.

Eles son Celtia Bouzán, Blanca Cillero, Adrián Gañete, Paula Duarte, Lea Rodríguez, Ruth Muñoz, Guillermo Pérez, Izan Horrea e Noelia Ferreiro. Como non pode ser doutro xeito, acompáñaos o mestre que participou neste proxecto, Álvaro Pérez, coñecido entre o alumnado como Magister.

Comeza Adrián, que nos contextualiza a época na que se fixo o orixinal: o século III. Daquela, a provincia romana de Gallaecia estaba dividida en 3 Conventus (Bracarensis, Lucensis e Asturicensis.

Á beira do mar de Panxón, unha influínte familia construíu a súa luxosa residencia, cuxo chan estaba decorado con mosaicos. Era habitual que os grandes musivarios viaxasen de cidade en cidade para facelos.

Continúa Paula, que nos narra como no outono de 1889 a familia Puga, mentras araba as terras, atopou o mosaico, que tiña uns 135 quilos de peso. Nel destacaba o muxo central e tamén aparecían unhas cunchas. As primeiras testemuñas do achado tamén falan de que habería un castelo e uns bonecos, que na actualidade non se conservan. Isto leva a pensar que é un fragmento de algo moito máis grande.

A familia manda facer unha mesa para que non se estrague e anos despois deciden vendelo. Neste punto da historia é Blanca quen segue. Comenta que foi Ricardo Blanco-Cicerón quen se fai con este vestixio e, así, este pasa a formar parte da gran colección de arte que ten.

En 1926 os herdeiros de Blanco-Cicerón ordean facerlle unha nova mesa, na que se empregarán as mellores madeiras. Será en 2001 cando se vaia a subastar. A Xunta de Galicia valora a opción de adquirilo, pero parécelle moi caro, polo que remata saíndo de España.

Lea trasládanos ata Nova York, onde Gonzalo Fernández Turégano descobre que o mosaico atópase nesta cidade estadounidense. Iso foi en 2018 – aínda que en 2012 xa o atopara o Doutor Carlos Picón – e, en 2019, comezou o periplo para intentar traelo de volta á súa terra orixinal.

Mosaico // Xornal da Estrada

Ruth toma a palabra para explicarnos que se crea unha asociación que ten como obxectivo, tal e como o seu nome indica, repatriar o mosaico. A partir dese momento, conséguese rebaixar o prezo de compra de 68.000 a 58.000 euros, pois váiselle vender a unha entidade pública: o Concello de Nigrán. Esta institución porá 40.000 euros para a súa adquisición e, os 18.000 euros restantes, conseguírono os membros da asociación a través dunha campaña de recadación de fondos.

En 2023 o mosaico aterra no Londres posterior ao Brexit, polo que non será ata novembro de 2024 cando se consiga que regrese a España, continúa Guillermo. En xaneiro de 2025 instálase no salón de plenos de Nigrán, pero non será ata febreiro cando se comece a expoñer. Ao remate da mostra, indícanos, trasladaráse á Biblioteca Municipal.

Perfecto, levamos 500 palabras neste artigo e aínda non contamos por que teñen a réplica do mosaico no IES Manuel García Barros. Neste caso é ‘Magister’, o mestre, quen fala. Cóntanos que se fixo no marco do proxecto “Grecia e Roma nas túas mans”. Nel colaboraron con outros dous institutos: un extremeño e outro valencián e, cada centro, fixo un mosaico “tesela a tesela” orixinal da súa terra.

Dos alumnos de Latín e de Cultura Clásica que foran, o único presente é Izan, que apunta a que a actividade se celebrou en 2022. O profesor engade que, se non se presentou antes a obra que fixeron, foi porque estaba agardando á que se resolvese a situación do orixinal.

Podcast en Spotify

Preguntados polo que máis lles gustou do proxecto, mencionan o podcast que fixeron para MGB Radio, a emisora do instituto. De feito, infórmannos, de que no programa que subiron sobre o tema, Noelia entrevista a Gustavo Pascual Hermida, vicepresidente da Asociación pola Repatriación do Mosaico de Panxón. Este episodio está dispoñible en Spotify.

6 xubilacións

Para rematar, o mestre dá unha noticia: é o seu último día como profesor, pois xubílase. Non é o único. Este venres tamén se despediron Esther Sánchez, de Xeografía e Historia, e Augusto Otero, de Física e Química. Ademais, ao longo do curso xubiláronse outros tres mestres.

Imaxe de portada: alumnos participantes no podcast xunto cos profesores que participaron na actividade // Xornal da Estrada

Comentarios

Unha resposta a “Un mosaico con séculos de historia e múltiples vivencias”

  1. Avatar de Toda unha vida adicada ao ensino – Xornal da Estrada

    […] Pérez Vilariño impartiu Latín e Grego nos últimos 25 anos nese mesmo centro e é o responsable do mosaico que inauguraron hai uns […]

    Gústame

Deixa unha resposta a Toda unha vida adicada ao ensino – Xornal da Estrada Cancelar a resposta