Instalaránse aeroxeradores preto dos peches do Castelo e do Peón O Concello dará este luns unha charla sobre o eólico de Ventoburgo en Liripio
Tres novos proxectos eólicos, tramitados a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica, queren instalarse nos montes nos que habitan as bestas que estes días están sendo aloitadas na Rapa das Bestas. En concreto son os de Chamarrapio, de 53’79 MW, Alamoceiros, de 68’49 MW, e Xubrintas, de 61’95 MW. A súa infraestrutura afectaría aos concellos de Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, A Lama, Fornelos de Montes e Covelo.
Nas proximidades do peche do Peón, o primeiro punto no que se xuntan os cabalos, instalaríase un aeroxerador de 220 metros de alto. Nos arredores do segundo dos peches que se emprega, o do Castelo, estaría prevista a instalación doutro de 200 metros de alto. Este último estaría a 800 metros de distancia do curro de Sabucedo.
Segundo comentan a este medio desde a asociación Alarma na Terra de Montes, o prazo para presentar alegacións aínda non está aberto, pero podería abrirse nas vindeiras semanas, xusto despois da publicación do anuncio no BOE.
O eólico de Chamarrapio faríao a empresa Galveosaurus Invest, S.L. e constaría de 14 aeroxeradores – que se colocarían nos concellos de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade -, tres torres meteorolóxicaas e de varios viais de acceso e liñas de alta tensión.
Os 13 aeroxeradores de Alamoceiros repartiríanse polos concellos da Estrada e de Cerdedo-Cotobade. Este proxecto, solicitado por Fukuiraptor Invest S.L. – que ten o mesmo domicilio social que a empresa de Chamarrapio – tamén tería tres estacións meteorolóxicas e infraestrutura para o acceso de vehículos e para a evacuación da enerxía xerada.
Por último, a empresa peticionaria do parque de Xubrintas foi Dakotaraptor Invest S.L., que tamén ten o mesmo domicilio social ca os anteriores. Contará con 13 aeroxeradores que se repartirían polos termos municipais da Estrada e de Cerdedo-Cotobade. A iso sumaríanselles tres estacións meteorolóxicas e a infraestrutura de acceso e de evacuación da electricidade.
Cómpre lembrar que ademais destes tres, exite outro proxecto – este si en fase de alegacións – que tamén afectaría aos montes das bestas. Trátase do Parque Eólico Ventoburgo. Sumando a este último os tres que entrarán próximamente na fase de alegacións, estariamos falando de que podería haber 54 eólicos nos montes que habitan as bestas.
Charla sobre Ventoburgo
Precisamente sobre Ventoburgo, o Concello da Estrada convocou para este luns ás 20.30h unha charla cos veciños no local social de Liripio. Nela estarán presentes o alcalde, Gonzalo Louzao, e técnicos de Tysgal, empresa que elaborou os informes para o Concello.
O Concello xa presentou as súas alegacións e, con esta reunión, busca informar e asesorar aos veciños para presentar as súas propias.
Imaxe de portada: as bestas nas proximidades do peche do Peón // Xornal da Estrada


Deixa unha resposta a Os alcaldes da Estrada, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e A Lama móstranse unidos contra tres novos eólicos – Xornal da Estrada Cancelar a resposta