Tysgal redactará os informes dos concellos e un modelo de alegación para que o presenten os cidadáns
Os concellos da Estrada, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e A Lama veránse afectados por tres novos proxectos eólicos, concretamente os de Alamoceiros, Xubrintas e Chamarrapio. Este tramítanse conxuntamente a través da Área de Insdustria e Enerxía do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática.
Este xoves, Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada; Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade; Carlos Costa, alcalde de Campo Lameiro; e David Carrera, alcalde da Lama, reuníronse ás poucas horas de teren recibido nos rexistros dos seus respectivos a comunicación do ministerio responsable da tramitación. A reunión, que se celebrou no consistorio estradense, contou coa participación dun técnico de Tysgal, co que se realizou unha análise conxunta do expediente e das accións inmediatas a realizar.
Para dar conta aos requerimentos da Dependencia da Área de Industria e Enerxía da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, os concellos da Estrada, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e A Lama encargáronlle a Tysgal a elaboración dos correspondentes informes técnicos. Asemade, a firma elaborará un modelo simplificado para os cidadáns que así o desexen o poidan presentar a título individual antes do 28 de agosto.
Na reunión, os mandatarios analizaron a afección ao territorio, ao medio ambiente e o impacto que os eólicos poden ter para a cidadanía. Os catro rexedores confluíron na importancia de afrontar en conxunto un proxecto eólico desta magnitude, actuando a nivel institucional no prazo habilitado (30 días naturais desde a recepción da comunicación), realizando charlas informativas e pondo á súa disposición modelos de alegacións.
En total serán 40 aeroxeneradores os que se instalarán, máis outros 6 de reserva. No territorio do concello da Estrada serán 17 e outros tres de reserva. Aínda que os aeroxeradores instalaránse nos concellos da Estrada, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro, a infraestrutura tamén afectará aos da Lama, Fornelos de Montes e Covelo.
No caso da Estrada, as parroquias afectadas serán as de Souto e de Codeseda. Tal e como avanzou este medio hai unhas semanas, os aeroxeradores que se instalarán terán afección sobre a Rapa das Bestas. En concreto, un de 220 metros de altura instalaráse nas proximidades do peche do Peón e outro de 200 metros de alto, nas do peche do Castelo, a 800 metros do curro de Sabucedo.
Non é o único proxecto
Ademais dos de Alamoceiros, Xubrintas e Chamarrapio, existen outros dous proxectos que pretenden instalar aeroxeradores nos montes da contorna. Os parques de Ventoburgo, Sistesas e Xestiloi afectarán aos concellos de Forcarei, Silleda e Cerdedo-Cotobade. No caso de Ventoburgo tamén se colocarían aeroxeradores no concello da Estrada. O prazo para presentar alegacións xa rematou.
Imaxe de portada: na esquerda, David Carrera (fondo), Carlos Costa (centro) e o técnico de Tysgal; na dereita, Jorge Cubela (atrás) e Gonzalo Louzao (diante) // Concello da Estrada


Deixar un comentario