Radio Estrada terá unha nova programación en setembro e ábrese á posibilidade de emitir por YouTube

Radio Estrada terá unha nova programación en setembro e ábrese á posibilidade de emitir por YouTube

Coincidindo co final dos vídeos do Xornal Semanal, no Xornal da Estrada entrevistamos a Damián Cortés, que acababa de ser nomeado director de Radio Estrada. Ao longo deste artigo imos repasar algúns dos momentos máis destacados da entrevista, que poden ver completa no vídeo que atoparán debaixo destas liñas.

Durante a conversa lembrou os seus inicios profesionais na emisora, da que marchou “por vontade propia para medrar profesionalmente”, comezando a “dobrar de forma máis asidua”. Ademais, tamén traballou no Bamboleo, un programa da TVG.

“Os que traballamos no audiovisual normalmente non só traballamos nunha cousa”, comentou en relación á situación do sector. “Tristemente non está pagado, que digas ti, dunha maneira espléndida”, indicou.

Sobre o seu regreso, mencionou que foi o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, quen lle propuxo ocupar o posto e que o mandatario aceptou a condición que puxo para aceptar: manter o equipo actual. Respecto do seu predecesor no cargo, asegurou que “Pepe Rodríguez deixou a radio asentada”.

Antes de avanzar detalles de como será a nova programación, puntualizou que “cando eu estaba na emisora eramos 10 traballadores, creo, se non me equivoco, que chegamos a ser 12. A día de hoxe somos cinco. Polo tanto, aquelas épocas douradas de Radio Estrada da época dos anos 2000 con picos de 90.000 oíntes e 10 persoas traballando na radio vai ser moi complicado repetilas, ímolo intentar pero vai ser moi complicado”.

En canto á programación, detallou que se estreará unha nova en setembro e que mentras non se estree, manteráse a deseñada por Pepe Rodríguez. “A miña intención é facer un programa espertador que faga comunidade coa xente que vaia para o traballo, cos rapaces que van para o instituto, que van para o colexio. Despois, gustaríame facer un magazine de tres horas, dende as dez ata a unha. Un magazine con todas as voces da radio, no que todos os locutores da radio fagan sinerxias para poder darlle voces ao magazine”, avanzou.

Tamén mostrou a súa intención de que continúen os colaboradores e de “facer un informativo potente, exactamente igual que se está facendo pero dándolle un lavado de cara”. A tarde quedará adicada “a musicais”. “Non vou inventar nada, Radio Estrada xa funcionou así”, asegurou.

Asemade, mostrou a súa predisposición a que “tanto a cultura coma o deporte na Estrada” teñan un oco e, de feito, unha das grandes novidades da nova tempada sería un “programa deportivo dunha hora de duración” que se emitiría a diario ás 15.00 horas. Así mesmo, desvelou que “unha das miñas intencións era poñer unha cámara e emitir [en directo] por YouTube”.

“Eu dicía o outro día que a diferencia de triunfar no audiovisual está en que moitos facemos audiovisual […] dende A Estrada e outros fan o seu traballo dende Madrid ou Barcelona. Dende Madrid ou Barcelona é máis fácil ‘triunfar’, pero se conseguimos vivir do noso traballo na Estrada e podemos atender todas as noticias ou toda a información que veña cultural, deportiva, social, política na nosa zona e podemos darlle á xente da Estrada e comarca o que necesita, eu creo que iso é triunfar”, reflexionou.

Comentarios

One response to “Radio Estrada terá unha nova programación en setembro e ábrese á posibilidade de emitir por YouTube”

  1. Avatar de O Estradense e AEstradaDixital lanzan unha campaña conxunta – Xornal da Estrada

    […] quixo agradecer tanto a AEstradaDixital, pola campaña que ofreceron, como a Radio Estrada, porque contarán cun programa deportivo diario no que darán conta da actualidade do equipo, entre outras noticias. Comentou que a campaña é […]

    Gústame

Deixar un comentario