Este xoves celebrouse o pleno do mes de agosto, no que se aprobou solicitarlle á Xunta de Galicia que unha das 24 novas residencias que vai construír se faga na Estrada.
Xoán Reices, voceiro do BNG, avanzou aos medios antes do pleno que votarán a favor “de reclamarlle á Xunta de Galicia os servizos aos que temos dereito”. Indicou que “un dos déficits que sufrimos na Estrada e en Galiza é a falta de prazas en residencias públicas”.
“Obviamente isto non é suficiente para solucionar o problema, e nós apostamos porque a inversión da Xunta nestes conceptos sexa moitísimo maior. Non obstante, neste contexto onde a Xunta anunciou a construción de 24 residencias novas, pensamos que esta pode ser unha boa oportunidade para reclamar o que é noso”
Xoán Reices, voceiro do BNG da Estrada
Os nacionalistas tamén defenderon unha moción de urxencia polo Punto Limpo. Comentou que “é un gran problema que loxicamente preocupa á poboación e esperamos que o PP teña a ben tan sequera debater sobre a cuestión”.
Na quenda de rogos e preguntas interesáronse pola Torre de Guimarei – “despois de que o director xeral de cultura (tamén da estrada) asegurase literalmente que non se vai facer nada” -, o aparcadoiro para camións, a situación da praia fluvial, que non ten socorrista; as piscinas e sobre que se pode facer coa pérgola e o muro da antiga alameda.


Deixar un comentario