Xoán Reices, BNG da Estrada
Non podemos facer nada, o carallo.
Na maioría dos debates no pleno da Estrada, sempre chegamos a unha conclusión. Que se pode facer dende o Concello con problemas de financiación debidos á xestión de outras administracións? Nada, é o que parece. Temos que baixar a orelliña, pedir por favorísimo e render pleitesía. Temos que colaborar cos nosos partidos, porque iso é ao final o máis importante, quedar ben co xefe. E nisto non podemos sacar moito peito en ningún partido, por pequeno ou grande que sexa. Todos iguais? … Dende logo uns son máis iguais ca outros.
E é realmente isto así?
Non é verdade que se todos os Concellos do PP se reviraran contra a Xunta, podería haber cambios profundos na xestión do noso diñeiro? Non é certo que todos os cartos que se gastan en merdas, non me vou desculpar pola expresión, se poderían inverter no sistema sanitario, no SAF, en vivenda pública ou en cousas que realmente fagan un cambio real e positivo na vida dos cidadáns?
Non é verdade que remataríamos coa corrupción dun golpe se toda a xente que lle dá cobertura, que vai aos plenos ou ás rúas a tentar tapala, outra vez, para gañar favores cos superiores ou cos votantes, dixera a verdade?
Pois si, o Concello da Estrada é responsable da escasa financiación que teñen os Concellos, pois pertencen a un partido que leva 20 anos de 40 gobernando o reino e case que toda a democracia gobernando Galiza. Si, é responsable porque lle dá cobertura a un PP de madrid, ou a un PP de Santiago que aparece en casos de corrupción unha e outra vez. Pero en cambio, solo ve a corrupción do PSOE.
Poderíamos dicir o mesmo en sentido contrario, é posible, pero ao meu pesar, quen goberna na Estrada é o PP.
Así que… si. Éche asi. Non podemos finxir que as decisión veñen do aire. E obviamente un membro do PP é responsable de branquear as políticas do PP. Onte mesmo no pleno o alcalde foi incapaz de condenar a discriminación relixiosa do PP de Jumilla. Mesmo se puxo a escusa de que “se prohibiu a celebración do Ramadán porque querían facelo nun lugar destinado a eventos deportivos”. Xa, claro.
Tamén se escandalizaban porque se dixo que o fundador do PP era MINISTRO franquista. É mentira? Acaso non é dos que se deron conta de que eran “demócratas” en 1978? Non importa, o que importa é o equipo. A algún imaxínomo mirando o escudo no peito para recordar de que partido son.
Ese é o problema. O problema é que aquí non se fai política, vaise co equipo dun e punto.
Bom, un dos problemas. A min persoalmente hai cousas que a ética non me permite pasar por alto. E se hai que perder, pérdese.



Deixar un comentario