> O incendio de Souto rolda as 20 hectáreas queimadas. > En Frades arderon 9,22 hectáreas, entre as que se atopaban parcelas de eucalipto e piñeiro. > Os veciños de Requián foron alertados por un toque de campás que se está a perder.
Dous lumes alertaron este domingo aos estradenses. O primeiro en orixinarse afectou á parroquia de Souto, quedando estabilizado pasadas as 22.00h e afectando a unha superficie próxima ás 20 hectáreas. O segundo afecta á parroquia de Frades, entre Requián e Casalpaio, e continúa activo.
Incendio en Souto

Pasadas as 12.30 horas deste domingo declarouse un incendio forestal en Souto que ameazou as casas do lugar da Toxeira. Rápidamente conseguiuse evitar que as lapas chegasen ata as vivendas. Tras isto, o lume continuou por masa arbórea en dirección Souto e Montillón. Desde as 17.00 horas o incendio estaba, en palabras de Gonzalo Louzao – que se desprazou ata o punto -, “máis controlado” e estaráse pendentes de posibles reactivacións.
Ás 21.00 horas Medio Rural informaba de que a superficie afectada roldaba as 20 hectáreas e, ás 22.10 horas, de que se daba por estabilizado.
Para a súa extinción mobilizáronse 1 técnico, 7 axentes, 15 brigadas, 14 motobombas, 3 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 3 avións. Ademais, o Concello despregou dous camións de Emerxencias, algo que non é habitual.
O lume detectárono uns veciños cando foron tirar o lixo e viron as lapas preto dos contedores. Tal e como comentou o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, a este medio, os veciños “atopábanse nerviosos” pois hai 19 anos produciuse unha situación semellante nese mesmo lugar.
O mandatario estradense tamén comentou que desde Medio Rural seguiron moi de preto a evolución das lapas por se chegase a ser necesario activar a Situación 2 por risco de afección a vivendas, algo que non foi necesario. Asemade, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, chamou a Louzao.
Incendio en Frades

Ás 18.07 horas do domingo outro lume orixinouse na parroquia de Frades, entre os lugares de Requián e Casalpaio, no mesmo punto no que ardera o pasado martes. Afectou a 9,22 hectáreas, a maioría de arborado, e quedou controlado ás 5.00 horas do luns.
Medio Rural mobilizou 5 axentes, 9 brigadas, 2 pas, 5 motobombas, 2 unidades técnicas de apoio, 2 helicópteros e 4 avións. Ademais, segundo puido saber Xornal da Estrada, tamén se desprazaron efectivos dos Bombeiros de Cuntis, Agrupación de Voluntarios de Paramá San Andrés de Vea, Policía Local, Garda Civil de Lalín e Tráfico de Lalín.
As lapas non ameazan as vivendas, aínda que o fume deixouse ver en numerosos puntos do concello. Para facilitar as terfas de extinción pechouse durante menos dunha hora a estrada que une Requián con Santa Mariña de Barcala.
Gonzalo Louzao apuntou, a falta de investigación, á posible intencionalidade dos lumes, dado que este incendio de Frades orixinouse no mesmo punto que hai escasos días e cando xa estaban todos os medios traballando no de Souto.
Un toque de campás alertou aos veciños de Requián
Durante a noite puidemos conversar con Pedro, campaneiro de Requián, quen nos comentaba que había dous bulldozer facendo cortalumes. Nese momento as tarefas de extinción concentrábanse na estrada que une Requián con Frades, Santa Mariña de Barcala e Pontecesures, “unha estrada bastante usada”.
Falounos de que fixo soar as campás para alertar aos veciños do lume, co coñecido como toque de arrebato – que se está deixando de empregar. Desde entón os veciños estaban seguindo con especial atención a evolución do lume e que estaban “telefóno en man informando”, pero sen intervir “por motivos de seguridade”. Algúns deses veciños perderon parcelas enteiras de eucalipto e piñeiros.
Indicou que o lume orixinouse no mesmo punto no que ardera días antes debido a que, durante unha corta forestal, un pau caeu sobre o tendido eléctrico. Ademáis, á mesma hora á que comezou a arder en Frades, comezou outro incendio en San Mamed de Piñeiro (Cuntis).
Lembrou que no 2012 produciuse un incendio con tres focos distintos – un no Souto de Vea, outro no Monte da Portela e un terceiro no Monte de Couselo – que terían intención de que avanzasen en dirección ao Curro de Couselo.
Primeiros incendios importantes en anos
Ambos lumes son os primeiros de certa gravidade que vive o concello en varios anos, posto que últimamente fóronse rexistrando pequenos conatos que se puideron atallar cos medios terrestres.
Precaución
Gonzalo Louzao incidiu na necesidade de extremar as precaucións debido ás condicións de seca e calor acumulada destes últimos días. De feito, comentou que as propias brigadas de limpeza municipais viviron un susto esta semana en Codeseda mentras realizaban labores de desbroce.

Lembren que, en caso de ver un incendio, está habilitado o teléfono 085 para informar deles.
Imaxe de portada: incendio en Frades // Agrupación de Voluntarios de Paramá San Andrés de Vea

Deixa unha resposta a O BNG lamenta que as brigadas antiincendios aínda non se constituíran – Xornal da Estrada Cancelar a resposta