Este mércores comezará a que, de non ser pola interrupción pola pandemia da COVID-19, sería a 30ª edición do festival As Nosas Músicas. A música tradicional volverá soar durante dous días en Couso.
Programación do mércores
Este mércores a programación festiva comezará pola tarde. Ás 17.00 horas falaráse dos xogos tradicionais na música e na festa con Anacos Educativos. Ás 18.00 horas abrirá a III Mostra de Artesanía e comezará a música coa Charanga Ultreia e, a partir das 19.30 horas, poderáse gozar do espectáculo de monicreques Cocer e cantar, de Seisdedos.
A ruada comezará ás 21.00 horas e contará coa música de Tequexetéldere, Ultreia, Gaiteiros de Barbude, As Rianxeiras da Covecha e Pantereteiras da Carrabouxa.
Programación do xoves
O xoves ás 12.00 horas abrirá a Mostra de Artesanía e, media hora máis tarde, comezará a mesa redonda A tradición oral musical en Galicia, presenza e vixencia, que presentará Pilar García Rego e na que participarán María VIdal, Uxía da Pontraga, Belén Tajes e Leticia López Rey.
Ás 14.00 horas a música das pandereteiras de Buxán e Benofán e os xigantes e cabezudos de Couso animarán a sesión vermú. Ás 16.30 horas poderáse coñecer os xogos tradicionais na música e na festa con Anacos e, media hora despois, reabrirá a III Mostra de Artesanía. Ás 18.30 horas será o turno dos Monifantes, co espectáculo 10 anos percorrendo camiños. Ás 20.00 horas poderáse gozar da animación de Art-Monium e, un cuarto de hora máis tarde, haberá unha iniciación ao baile con Montse Rivera.
Á noite, a partir das 21.30 horas, Lagharteiras, Silvaredonda, Alvariza e a Banda das Crechas encargaránse da música. Tamén se entregará o Premio ANM 2025 a Mercedes Peón. Para rematar, Art-Monium animará o ambiente a pé de pista e haberá unha foliada libre.
Sen efectivo
A gran novidade desta edición vai ser que se empregará o sistema cashless ou “sen efectivo” que se usa na maioría dos grandes festivais. Con este sistema os asistentes empregarán unhas pulseiras cun chip NFC – o que se emprega para pagar co móbil – nas que levarán os seus cartos.
Estas pulseiras entregaránse, sen saldo, na caseta de troco de moeda do festival e, alí mesmo, poderánse recargar tanto con tarxeta coma con efectivo.


Deixa unha resposta a Festas na honra de Nosa Señora en Couso – Xornal da Estrada Cancelar a resposta