O Concello da Estrada recuperará dúas captacións de auga para a traída de Codeseda, unha medida que axudará a evitar os problemas de abastecemento que se rexistraron en anos anteriores nos meses de estío. Iso non ocorreu neste verán, pese á gran cantidade de xornadas de calor, algo que foi posible grazas ás medidas adoptadas anteriormente e ao consumo responsable por parte dos veciños.
O concelleiro delegado de Servizos Municipais, Óscar Durán, explicou que se decidiu recuperar dous pozos abandonados existentes para, así, incrementar a captación que nutre uns xa ampliados depósitos de auga. Estes pozos aportarán 22 metros cúbicos de auga ao día, que se sumarán aos 130 que xa almacenan os depósitos de Codeseda. Con esta e outras medidas, apuntou Durán, gañaránse entre 60 e 70 metros cúbicos ao día.
Nestes momentos a traída de Codeseda mantense cos pozos de barrena existentes, xunto coas captacións nun regato da zona e nos mananciais da Grela e Barro. Reactivar os dous pozos abandonados custará 4.000 euros.
“O consumo responsable que fixeron os cidadáns axudou moito”
Óscar Durán, concelleiro de Servizos Municipais
Durán recoñeceu o labor dos cidadáns á hora de evitar situacións de falta de abastecemento, máis cando se declarou a prealerta por seca. “Todas as actuacións que poidamos facer para mellorar as redes e as captacións son benvidas, pero resulta imprescindible atopar a colaboración dos veciños a través dun consumo responsable dun ben tan importante e básico como é a auga”, sinalou.
Deixa unha resposta a Un espazo para non perderse ningunha noticia – Xornal da Estrada Cancelar a resposta