Cabanelas, en Liripio, intentará replicar a permuta de parcelas de Gueifas

Cabanelas, en Liripio, intentará replicar a permuta de parcelas de Gueifas

A finais de xullo o lugar de Gueifas, en Agar, convertíase nun exemplo a nivel galego polo sistema de permutas voluntarias que permitiu reordenar 9 hectáreas de terreo, pasando de 30 a 14 parcelas. Ese exemplo é o que pretenden seguir agora os veciños de Cabanelas, en Liripio.

Por iso, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Paz Rodríguez, técnicos desta entidade e os alcaldes da Estrada e Forcarei, Gonzalo Louzao e Belén Cachafeiro, respectivemente, reuníronse cos veciños deste lugar estradense limítrofe co concello de Forcarei. Na reunión tamén estivo presente un veciño de Gueifas, quen sintetizou o proceso que eles realizaron durante un ano para acadar o seu obxectivo.

Ese proceso foi aplaudido tanto pola directora xeral como polo alcalde estradense. Do mesmo xeito, foron informados dos requisitos e tipoloxías existentes e puideron valorar as posibilidades que eles mesmos teñen para aplicar esta fórmula á ampla superficie que reúnen na contorna de Cabanelas.

“A iniciativa dos veciños de Cabanelas é moi loable e no Concello pareceunos que era un espazo que podía ser obxecto da aplicación deste sistema. Foi por iso que solicitamos a presenza dos técnicos e da directora xeral para que se lles facilitara a información correspondente e o asesoramento, tanto técnico coma xurídico, para que A Estrada poida ter máis núcleos que reorganicen a propiedade coa intención de darlle utilidade e futuro ás terras; para darlle valor e organización á fragmentación histórica que teñen as terras en Galicia”, sinalou Louzao.

Cómpre lembrar que, en xullo, Rodríguez aproveitou a súa visita a Gueifas para anunciar as axudas que haberá para realizar as permutas voluntarias. Estas achegas teñen un orzamento de 100.000 euros para os anos 2025 e 2026 e que, como máximo subvencionaránse 15.000 euros para gastos de asesoramento técnico e xurídico, traballos técnicos e de acondicionamento do terreo e de 3.000 euros para os gastos notariais, rexistrais e de inscrición necesarios. O prazo para presentar a solicitude remata o 31 de outubro de 2026 e as axudas entregaránse en réxime de concorrencia non competitiva.

Imaxe de portada: reunión // Concello da Estrada

Comentarios

Unha resposta a “Cabanelas, en Liripio, intentará replicar a permuta de parcelas de Gueifas”

Deixar un comentario