As piscinas rematan o verán con récord de acceso pese a terse retrasado a apertura total

As piscinas rematan o verán  con récord de acceso pese a terse retrasado a apertura total

En agosto produciuse un incremento do 74% respecto ao mesmo mes do 2024

Este domingo as piscinas municipais abriron ao público por última vez para pechar unha tempada de récord inédita, tanto por ter acadado un récord de acceso como pola inusual apertura paulatina das instalacións. Este luns, o departamento de Deportes, que dirixe Ismael Pena, fixo público os datos e, do mesmo xeito, valorounos.

Desde ese departamento sinalan que, o feito de que o verán fose moi cálido e que a entrada fose gratuíta durante toda a tempada, son as claves dos bos datos de afluencia.

Comentan que en agosto de 2024 accederan 2.642 persoas, mentras que no mesmo mes de 2025 foron 4.589. Ademais, engaden que ese incremento de preto do 74% produciuse, prácticamente, nas tres primeiras semanas do mes, recudíndose considerablemente a afluencia nas últimas xornadas polo cambio da situación meteorolóxica.

A apertura do vaso principal marcou un punto de inflexión

O inicio da tempada de baño non foi a agardada polo goberno municipal, pois producíronse retrasos na finalización da obra do vaso grande e, cando se puido encher, non se puido abrir ao público por non cumplir as esixencias sanitarias. Por iso, durante as tres primeiras semanas de xullo só se rexistraron 585 usuarios, que empregaron os vasos pequeno e mediano. A isto habería que sumarlle os 280 rapaces e rapazas do Campus Deportivo de Verán.

A apertura do vaso grande o 22 de xullo marcou un punto de inflexión na afluencia, acadándose desde ese día ata o 31 de xullo a cifra de 1.191 accesos, ao que se lle sumaría que cada mañá empregaban as instalacións 250 campistas.

A primeira quincena de agosto foi a máis concorrida, con picos de ata 400 bañistas. Aos 4.589 usuarios de agosto, tamén se lle engaden os 180 rapaces e rapazas do Campus Deportivo.

Xa no mes de setembro, o mal tempo reduciu considerablemente o número de accesos, rematando a primeira semana cunha media de 16 accesos diarios, que baixaron ata a media ducia co regreso ás aulas.

En total, producíronse 6.492 accesos, sen ter en conta aos campistas do Campus Deportivo de Verán.

Imaxe de portada: Gonzalo Louzao visita aos rapaces do Campus Deportivo // Concello da Estrada / Arquivo

Comentarios

Unha resposta a “As piscinas rematan o verán con récord de acceso pese a terse retrasado a apertura total”

Deixar un comentario