Queixas polo estado no que se atopa o pavillón do colexio de Oca

A ANPA do colexio de Oca urxiu que se tomen medidas para solventar as deficiencias que ten o pavillón e que impide a práctica deportiva dos rapaces durante as épocas de chuvia.

O mal estado do teito provoca importantes filtracións de auga. “Sempre tivo goteiras, pero co tempo foi a peor”, coméntanos desde a ANPA do centro. Indican que “está horrible” e descríbennos o estado no que se atopa o interior:

“As espaldeiras podres, o chan verde, os enchufes con auga, a luz ao que leva un anaco acesa salta”

ANPA do colexio de Oca

Como consecuencia, o espazo deixou de empregarse para as clases de Educación Física, trasladándose estas ao Salón de Actos, un espazo máis pequeno e co teito máis baixo, o que impide practicar certos deportes.

Esta situación tamén afecta ás extraescolares. As clases de patinaxe si que se imparten no seu interior, excepto cando chove, que se suspenden. No caso de suspenderse dúas sesións consecutivas, trasládanse ao Salón de Actos, “pero claro, 17 nenos alí… o local faise pequeno”, engaden.

Asemade, tamén se lles ofreceu a opción de contar cunha extraescolar de baloncesto, pero a situación na que se atopa a instalación impídeo.

Non o emprega só o colexio

“Úsao máis xente que os nenos do cole”, comentan desde a ANPA, pois unha rapaza, fóra do horario escolar e das extraescolares, empregouno para practicar patinaxe e os veciños de Arnois empregárono para preparar a carroza do Entroido.

Valorouse precintalo

Outro dos inconvintes que atopan é a falta de limpeza. Iso provocou que case quedasen sen extraescolar. “E dende o Concello barallaron ‘precintalo’”, aseguran.

Para a festa de fin de curso, foi o conserxe quen o limpou, coa axuda de Servicios Riobó. No caso de non terse feito esa limpeza, terían quedado sen inchables.

Unha situación á que se levan afrontando desde o centro e desde as anteriores ANPAS varios anos. Unha situación para a que só teñen un desexo:

“Só queremos que nolo adecenten”

ANPA do colexio de Oca

Comentarios

Unha resposta a “Queixas polo estado no que se atopa o pavillón do colexio de Oca”

Deixar un comentario