As grandes novidades da Feira do Moble: as mesas extensibles estradenses e os apartamentos modulares

As grandes novidades da Feira do Moble: as mesas extensibles estradenses e os apartamentos modulares

Á parte do habitual mobiliario, a Feira do Moble acolle novidades tanto nas mesas extensibles coma nos apartamentos modulares. As mesas extensibles chegan da man da empresa afincada en Toedo Herrajes Formo-3 e, as vivendas, doutra procedente de Caldas de Reis, Gallega de Puertas y Escaleras.

Ampliar unha mesa máis dun metro

Comezando polas mesas de Herrajes Formo-3, coméntannos que expoñen varios tipos de bastidores para mesa para cociña. Contan con mesas que miden 1,70 metros e pódense ampliar 90 centímetros a mesas que, medindo 1,90 metros, poden chegar ata os 3 metros na súa máxima extensión.

“Dependendo do espazo e do sitio no que queiras poñer a mesa, hai un bastidor ou outro”, comentan. A súa gama de produtos conta con “mesas redondas, mesas para apoiar nunha pata central, herrajes para poñer unha tapa enteira sen haber cortes no medio… Adaptámonos un pouco ao cliente en canto a se a mesa é para unha sala, para unha cociña”, engaden.

No tipo de extensión hai dous modelos: extensión central e extensión lateral. No primeiro hai un corte na tapa desde o que se sacan suplementos desde a parte do centro e, coa extensión lateral, a tapa non ten cortes e a extensión sae lateralmente. Ambas van “co rodamientos e guía de bólas” e no final ten un sistema de bloqueo.

Asemade, contan con imáns de neodimio que permiten xogar coas separacións e unións de suplementos que se lle poñen á mesa. O imán “métese no canto, máis fondo ou máis para fóra, para que se pare antes ou despois o suplemento da parte que abrimos ou pechamos”. Deste xeito, pódese asegurar que non haxa “problemas de que nos quede fóra do sitio un suplemento e que, á hora de pechalo, tropecemos contra algún bastidor”.

Esta tecnoloxía tamén se aplica ás mesas redondas. Nelas, en función do diámetro, pódense sacar suplementos de entre 40 e 60 centímetros. No caso de quererse algo maior, habería que mandalo a estudo técnico.

En función do bastidor e de se se pon un tableiro de melamina, un cerámico, un porcelánico ou un de cristal, o prezo varía. Este oscilaría entre os 500 ou 600 euros ata os 2500.

Unha vivenda turística que se instala en pouco máis de dúas horas

Vivenda turística exposta na Feira do Moble // Xornal da Estrada

Ademais de coñecer as mesas, achegámonos ata a vivenda turística de Gallega de Puertas y Escaleras. O seu interior, distribuído nunha habitación, un baño e unha cociña-salón, recíbenos cun fresco que contrasta coa calor do exterior grazas ao aire acondicionado co que está equipada. Asemade, para a época de máis frío, conta con calefacción.

O modelo que se exhibe, ten 30 metros cadrados dos que 28,5 son habitables. O módulo atópase completamente illado e conta con “pinturas intumescentes para que non arda todo por dentro”. As cociñas, aínda que na Feira do Moble se mostra un modelo, adáptanse ao que o cliente quere.

O que se mostra é unha vivenda turística – pois só ten unha habitación-, aínda que entre a súa oferta tamén contar con apartamentos turísticos – cando teñen entre dúas ou tres habitacións – e vivendas de primeira ocupación. Na vivenda de primeira ocupación é “onde xa te podes empadroar” e que sería de 60 metros cadrados “poñendo outro contedor de 12 metros”.

O apartamento turístico é similar á vivenda, só que “leva outro contedor ao lado, leva unha habitación máis ou dúas e o baño é un pouco máis grande”. En canto ao tamaño, podería ser de entre 40 e 50 metros cadrados “dependendo de como se queira facer”.

Para instalar os contedores necesitan que a zona xa teña os cementos e que “as tubaxes, tanto de electricidade, augas fecais e todo, estean xa instaladas onde nós queremos para, despois, chegar nós, pousar o contedor e instalar”. Por iso, previamente envían planos coa ubicación que terá cada elemento.

“Normalmente, pousar o contedor son 6 minutos e, despois, a instalación en hora e media ou dúas temos todo listo”, aseguran. “Sempre hai que facer algún retoque de pintura”, pois durante o transporte “pode haber algún golpe” ou, coa oscilación que pode producirse durante o transporte, pois “non deixa de ser un cubo de ferro”, pode aparecer algunha fenda.

En canto aos prezos, a vivenda turística exposta custaría algo máis de 37.000 euros, sempre e cando a zona na que se vaia instalar estea a menos de 40 quilómetros da fábrica, que se atopa en Caldas de Reis. “Son 40 quilómetros cara Santiago, Lalín, Tui e Boiro”, sinalan.

Imaxe de portada: Mesa extensible de Herrajes Formo-3 // Xornal da Estrada

Comentarios

Unha resposta a “As grandes novidades da Feira do Moble: as mesas extensibles estradenses e os apartamentos modulares”

  1. Avatar de Éxito da Feira do Moble, queixas nos colexios e López Campos deixa a dirección do PP local – Xornal da Estrada

    […] A Feira do Moble celebrou a súa 37ª edición, na que se estreou un pavillón multisectorial. Unha ampla gama de colchóns, sillóns e sofás. Unha das grandes novidades foron as mesas extensibles da marca Herrajes Formo-3 e o apartamento turístico de Gallega de Puertas y Escal…. […]

    Gústame

Deixa unha resposta a Éxito da Feira do Moble, queixas nos colexios e López Campos deixa a dirección do PP local – Xornal da Estrada Cancelar a resposta