A reforma da Farola comezará en outubro polos seus arredores

A reforma da Farola comezará en outubro polos seus arredores

A Xunta de Goberno Local celebrada este luns deu luz verde á adxudicación do contrato da reforma da Praza de Galicia e da súa contorna á firma Taboada y Ramos S.L.U. As obras, que conezarán algo máis tarde do inicialmente previsto, evitarán actuar na propia praza ata pasado o Nadal, para así non afectar á campaña de Nadal.

A previsión é que os traballos comecen polas rúas Don Nicolás e Marqués Vega de Armijo e, despois, se trasladen a San Paio e Rúa 56. Deste xeito, actuaráse na Praza de Galicia pasado o Nadal. Con isto evitaráse que as obras afecten a este espazo nunha época na que se congrega alí un gran número de persoas e que é un punto de paso obrigado de Papá Noel e dos Reis Magos durante as súas respectivas cabalgatas.

“A campaña de Nadal é a máis importante para o comercio local e queremos que se desenvolva dentro do marco da maior normalidade posible, compatibilizándoa cunha obra que virá poñer a guinda a todo ese proceso humanizador aplicado nesta arteria tan importante para a capital municipal”, asegurou Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada. Engadiu que, tal e como estaba previsto, a reforma non afectará ás beirarrúas empedradas, tal e como ocorreu nas rúas Ulla e Calvo Sotelo.

É dicir, “a obra grande será na superficie asfaltada”, resumiu Louzao. Deste xeito, minimizaránse as afeccións a vivendas e comercios que se poderían producir no caso contrario.

A empresa adxudicataria ten un prazo de 6 meses e un orzamento de 1.037.607,80 euros para realizar a obra, coa previsión de que estean rematadas no mes de maio.

O inicio dos traballos retrasouse respecto ao inicialmente previsto. O plan inicial era comezar ao rematar as festas de San Paio, algo que máis tarde postergaríase ata setembro.

Unha praza de pedra e formigón

A nova A Farola, como é coñecida popularmente a Praza da Farola, será de pedra, combinada con elementos de formigón. Esta praza vaise ir “abrindo en forma de anfiteatro” para representar que será un espazo para celebrar eventos e concertos, tal e como comentou Trinidad López, arquitecta responsable do proxecto, durante a súa presentación

A zona estará decorada con xardineiras, nas que se manterán as árbores actuais. As principais serán as que se situarán nas proximidades de Calvo Sotelo e Don Nicolás e e da zona pola que circularán os vehículos. Ademais, colocaráse unha pequena fonte e aproveitaránse os bancos xa colocados.

A zona destinada ao tráfico rodado contará cun tramado de formigón e pedra para indicar que é unha zona peonil. A parada de taxis manteráse na rúa 56 e, a zona de aparcamento adaptado, colocaráse nesa zona. A carga e descarga situaráse na rúa San Paio.

O deseño que se empregará na Farola estenderáse ata a Rúa Marqués Vega de Armijo e parte das rúas 56, San Paio e Don Nicolás.

Ringleiras para votar no referendo da Farola // Xornal da Estrada

A polémica da Farola

Posiblemente un dos recordos que leve asociada esta reforma será a da ocasión na que os estradenses votaron para evitar o cambio de ubicación do farol que bautiza oficiosamente á Praza de Galicia.

No proxecto inicial a luminaria íase trasladar ata a illeta na que se atopa a escultura da Rapa das Bestas, algo que non gustou á opinión pública. Tras unhas semanas nas que este movemento foi a protagonista do debate político, chegando a facerse recollidas de sinaturas e unha manifestación, a futura ubicación someteuse a votación, gañando por unha ampla maioría a opción de que permaneza nunha ubicación semellante á actual.

Tras este resultado, modificouse o proxecto da firma Galaicontrol para adaptalo ao veredicto das urnas. Deste xeito, o farol desprazaráse lixeiramente para aproximalo ao punto no que arrancará un longo paseo peonil que comezará na Praza de Galicia e rematará na Porta do Sol.

Imaxe de portada: vista aérea do proxecto // Galaicontrol

Comentarios

One response to “A reforma da Farola comezará en outubro polos seus arredores”

Deixar un comentario