O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, mantivo a súa primeira reunión institucional co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Nela abordáronse asuntos como a reforma da praia fluvial e a mellora da PO-213, que o presidente autonómico comprometeuse a atender.
Ao inicio da reunión abordouse a ambiciosa actuación que Louzao quere acometer na Praia de Porta Pousada – nome que recibe o espazo de esparexemento bañado polo Río Liñares. A pretensión do estradense é ofrecer unha transformación a un recinto que o propio Rueda puido visitar anos atrás mantendo a aposta polo valor medioambiental do recinto e conseguindo convertelo nun punto de atracción turística.
Tras coñecer os detalles do anteproxecto, Rueda comprometeu colaboración económica para o desenvolvemento turístico desta praia fluvial.
En materia de comunicacións, tratouse o estado da PO-213, a estrada de titularidade autonómica que une A Estrada con Ponte Ulla. O mandatario puxo o aceno nos problemas que os veciños lle trasladaron. O presidente autonómico adquiriu o compromiso de afrontar, no marco do exercicio 2026, as intervencións prioritarias. Tras isto, no futuro afrontaríanse outras actuacións de mellora.
Continuando coas comunicacións, Alfonso Rueda comunicoulle a Gonzalo Louzao que a AG-59 avanza segundo os plans previstos, coa previsión de que este ano quede construída ata Pontevea e que, ao remate das obras, comecen as do treito que unirá Pontevea co Rollo, en Santa Cristina de Vea.
Por outra banda, o presidente da Xunta informou de que se está amoblando o novo edificio xudicial da Baiuca, que reunirá no mesmo inmoble as dúas salas estradenses. Ademais, confirmou que se atopa en fase de redacción o proxecto de construción de 28 vivendas públicas na contorna do Mercadona.
Potenciar o fluxo turístico

Noutra orde das cousas, Louzao tamén se reuniu co director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles. No encontro, exploraron diferentes alternativas para incrementar e potenciar a oferta turística complementaria con varios recursos do Concello e intentar xerar un maior número de visitantes á Estrada ampliando a tempada de maior demanda.
Asemade, Merelles e Louzao repasaron os principais recursos turísticos do concello, entre os que se atopan a Rapa das Bestas, declarada Ben de Interese Cultural Inmaterial este ano; a Festa do Salmón, de interese turístico galego e a Feira da Sidra.
Imaxe de portada: Louzao e Rueda // Concello da Estrada


Deixar un comentario