Moitos estudantes estradenses súbense cada día a un bus para ir a clase, máis se aínda non teñen carné de conducir. E cada día atópanse coa mesma situación que está xerando un gran malestar entre eles.
O problema é que, pese a que hai 14 viaxes que unen A Estrada con Santiago e outras tantas que fan o traxecto inverso, a maioría teñen que elixir o mesmo bus tanto para ir como para volver. Ademais, a iso súmaselle que este curso un maior número de estudantes están optando por esta opción, tal e como puido saber este medio.
Para ir á capital galega moitos elixen o bus das 7.10 horas. Tal e como comentan pasaxeiros a este medio, “sempre vai cheo” e incluso tense impedido que algúns subiran porque non había asentos baleiros. “Ten pasado que non poden coller a máis xente”, asegúranos unha pasaxeira habitual.
Este autocar chega ás 7.50 horas á Estación Intermodal de Santiago de Compostela, no caso de terse cumprido o horario previsto, polo que remata sendo o ideal para os que comezan as clases entre as 8.30 e as 9.00 horas.
Aínda que a viaxe que máis queixas acumula é a de regreso. Durante a mañá sae da Estación Intermodal un autobús cada 1 ou 1.45 horas, sendo o último o das 12.45. Ese bus só o poden coller os que saen, como moi tarde ás 12.00 horas, polo que todos os que saen a partir desa hora, o primeiro bus ao que se poden subir para ir á Estrada sae ás 15.25 horas.
Como consecuencia, xúntase un gran número de persoas na Estación Intermodal de Santiago de Compostela para poder realizar o traxecto. Nada máis chega o autocar á súa dársena, o primeiro que pide o chófer é que suban os que van viaxar ata o concello da Estrada xa que cinco minutos máis tarde vai chegar outro bus que realiza o mesmo traxecto – pero con menos paradas – ata Pontevea.
Aínda así, os días nos que máis usuarios hai, pasaxeiros que agardaban noutras paradas da liña para poder ir á Estrada non puideron subirse a ese bus porque non había máis asentos dispoñibles, tendo que agardar polo que sae ás 16.30 horas desde a estación de Santiago de Compostela.
“Podían poñer un á unha, unha e pico, dúas ou dúas e pico”
Pasaxeiros
Atrasos
A todo iso súmaselle os atrasos nos buses da mañá. “O autobús das 6.45 que sae da estación da Estrada chega ben”, comentan. Aínda que despois chegan os ‘peros’.
“O das 7.10 chega 10 minutos tarde á estación de Santiago e sae tarde da Estrada e, o autobús das 8.10, chega tarde á Estrada e a Santiago”. O atraso neste último sería de entorno a 15 minutos no inicio do traxecto. Isto provoca que perdan os autobuses urbanos que teñen ao que se teñen que subir.
“Hai moitas veces nas que teño que ir correndo para coller o urbano ou, ao mellor, non chego e teño que esperar 20 minutos a que pase outro”
Queixas cos urbanos
As súas protestas tamén se trasladan aos urbanos da capital galega. Coméntannos que infórmanse de canto falta para que chegue o urbano que teñen que coller á súa parada a través da aplicación Máisbus, “pero é que hai veces que a información que pon é falsa”.
A “compatibilidade dos horarios dos urbanos co final das clases, fatal. Eu teño que saír correndo para coller o urbano”, engade unha usuaria.
Imaxe de portada: estación de autobuses da Estrada // Xornal da Estrada


Deixar un comentario