O médico de San Miguel que foi alcalde

O médico de San Miguel que foi alcalde

Se falamos de alguén que fose un médico de aldea polifacético e humanista, coñecido como o “médico dos pobres” e que chegase a ser alcalde da Estrada, non hai dúbidas de que ese é Manuel Reimóndez Portela. Foi unha persoa cun “compromiso innegable e o labor de Manuel Reimóndez a prol da cultura galega, así como o seu traballo por documentar e difundir a riqueza histórica, cultural e o folclore da comarca e preservar a memoria colectiva”, tal e como declarou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude na inauguración da mostra Manuel Reimóndez Portela. O médico de San Miguel.

Inauguración da exposición // Concello da Estrada

Esta exposición estreouse este mércores na Casa das Letras e no acto estiveron presentes, amais do conselleiro, o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, o secretario da Lingua, Valentín García, Xesús Domínguez, de Galaxia, e Enrique Reimóndez Sanmartín, en representación da familia.

Comisariada por Chus Fernández Bascuas, a exposición chega da man da Editorial Galaxia, co respaldo do Concello da Estrada e da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Esta mostra que comeza coa imaxe de Reimóndez Portela a carón de seu avó e remata cunha instantánea na que sae retratado cos seus netos, marca o inicio de A Estrada Mostra, unha iniciativa composta de tres exposicións sobre persoeiros destacados da cultura galega e estradense.

A Reimóndez Portela seguiráno Avelina Valladares. Vida e obra, que comezará o 30 de novembro na Casa das Letras, e Castelao. De Sempre en Galiza ao Consello de Galiza, que se inaugurará o 18 de decembro. No caso da exposición de Avelina, permitirános coñecer mellor á Cantora da Ulla coincidindo coa celebración do Ano Cultural Avelina Valladares, mentras que, a de Castelao, será o broche na terra en que viviu do Ano Castelao que promoveu a Xunta de Galicia.

Imaxe de portada: equipo que utilizaba Reimóndez Portela para tomar a tensión nas súas visitas aos domicilios // Concello da Estrada

Comentarios

Unha resposta a “O médico de San Miguel que foi alcalde”

Deixar un comentario