700 persoas volven aos programas de envellecemento activo e prevención da dependencia

Coa chegada do mes de setembro, moitos maiores regresan á rutina da man das actividades do departamento de Servizos Sociais vencelladas a programas de envellecemento activo e prevención da dependencia. Nestas semanas regresaron ás aulas unhas 700 persoas.

O grupo máis numeroso é o que se corresponde co programa anual de prevención da dependencia, que contan con sesións de xerontoximnasia, pilates e memoria e no que participan máis de 500 veciños. En total son 30 as parroquias nas que se retoman as actividades – nalgúns casos aglutinando veciños de varias por non terse acadado o mínimo requerido. No casco urbano hai 8 grupos, tendo 122 participantes. No rural hai anotadas 390 persoas.

As piscinas climatizadas acollerán desde outubro a 72 persoas que se integrarán nos grupos de maiores. As aulas de musicoterapia xerontolóxica contarán con 70 maiores inscritos e, no caso do programa de Arteterapia, serán unha quincena.

Por último, o programa Mellor Acompañad@, de promoción do emprego das Tecnolloxías da Información e a Comunicación (TIC) entre as persoas maiores, conta cunha vintena de inscritos, que comezarán as clases no mes de outubro.

Comentarios

Unha resposta a “700 persoas volven aos programas de envellecemento activo e prevención da dependencia”

Deixar un comentario