Contar 20 e retroceder 25

Contar 20 e retroceder 25

Luis López Bueno, PSOE da Estrada

A comezos de outubro, as estradenses e os estradenses volverán recibir o recibo do IBI cun incremento do 25 %. Será o segundo ano consecutivo que se aplique esta suba que o goberno local do Partido Popular presentou no seu día como unha medida “excepcional e temporal”. Hoxe todos e todas sabemos que aquilo foi só unha escusa: o que debía ser puntual converteuse en permanente.

É inevitable facerse unha pregunta: Subiron os impostos, pero melloraron os servizos municipais nestes dous anos para xustificar este esforzo económico?
A resposta está clarísima: NON.

As rúas non están máis limpas, a recollida e xestión dos residuos seguen a dar máis que problemas, o contrato do SAF continúa parado, investimento 0 € nas parroquias… e o peor é que non se percibe nin un só avance nin intención real de melloralos.

Mentres tanto, Gonzalo Louzao dedícase a xogar ao parchís, no que presume de que “A Estrada move ficha” e de que toca “avanzar 20”. Pero a realidade é moi distinta: Xoga ao Monopoly gastando cartos que non son del nun intento obsesivo por facerse influencer. O que lle importa é unha nota de prensa con palabras bonitas e unha foto na que se vexa ben a súa cara.

Deixamos fóra dos Fondos Europeos a extensión de fibra nas parroquias? 
Tanto ten. 
Non hai mestres nin mantenimento nas escolas?
Dá igual. 
A Estrada perde peso social e económico no conxunto de Galicia?
Que perde que?

O que debía ser unha decisión extraordinaria para estabilizar as contas municipais maltreitas pola irresponsabilidade dos seus gobernantes acabou sendo un imposto encuberto que castiga os petos da veciñanza.

Desde o Grupo Municipal Socialista temos claro que subir impostos pode ser unha medida lexítima se se fai con transparencia, planificación e cun retorno real en servizos públicos. (lembrade a nosa proposta de bonificación do IBI nas parroquias en función dos servizos públicos que teñen as vivendas). O que está a facer Gonzalo é xusto o contrario: opacidade, amiguismo, improvisación e ningunha mellora perceptible.

Porque, por moito que Louzao fale de “avanzar 20”, a realidade é que coa súa xestión A Estrada leva dous anos retrocedendo 25. Por iso A Estrada, con Gonzalo, vai cada día un pouquiño peor.

Queres ler máis artigos coma este?
Visita o espazo web de Politicando!

Comentarios

One response to “Contar 20 e retroceder 25”

Deixa unha resposta a O regreso do vandalismo, folga de mestres e novidades nas obras da Farola – Xornal da Estrada Cancelar a resposta