Era un desexo da comunidade xudicial da Estrada e Forcarei e, coa chegada do mes de outubro, converteuse nunha realidade. Este mércores A Estrada inaugurou o seu novo edificio xudicial, que unirá nun único edificio todas as instalacións xudiciais do concello, sendo un dos máis modernos de Galicia.
A historia desta nova sede do Partido Xudicial da Estrada remóntase a cando Alfonso Rueda aínda era conselleiro de Xustiza – cargo que, desde 2022, ocupa Diego Calvo en substitución do actual presidente autonómico. A Xunta destinou 3,3 millóns de euros ao proxecto, que sufriu atrasos como consecuencia da crise dos materiais provocada pola invasión rusa de Ucraína.
O edificio, sito na Baiuca, conta con case 1.600m2 nunha planta única e con todas as instalacións necesarias para albergar con comodidade as dependencias referidas, ademais doutros espazos para Fiscalía, Rexistro Civil ou sala de atención á vítima. Atenderá a preto de 24.000 persoas da comarca de Tabeirós – Terra de Montes e nel traballarán 18 profesionais.
A súa estética rompe coa da maioría de sedes xudiciais, rompe coa sensación “de hostilidade”, en palabras de Ignacio Picatoste, presidente do Tribunal Superior de Xustiza, que dan moitos. A sustentabilidade tívose en conta no seu deseño e conta cunha cuberta vexetal, sete patios interiores con luz natural e un deseño que cumpre os requisitos europeos de edificios de consumo case nulo esixibles antes de 2030.

Na inauguración estiveron presentes o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o presidente do TSXG, Ignacio Picatoste, o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, a alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro, e un gran número de autoridades autonómicas e municipais.
“Chegar ata a inauguración do novo edificio xudicial da estrada foi unha cuestión de tempo, compromiso e planificación”, comezou Louzao, quen lembrou que este edificio era unha reclamación histórica da comunidade xudicial comarcal ante unha situación “temporal e anómala” que, ademais, era “pouco operativa”.
Lembrou que hai 5 anos oficializouse a demanda a través dunha carta do Colexio de Avogados e que nese momento xa comezaran as xestións para construír dito edificio. Asemade, recordou que foi necesario o desenvolvemento da Baiuca para poder ofrecer os terreos, algo que non gustou no seu momento pero que, confía, agora a xente ve con mellores ollos.
Asegurou que asistimos á “consolidación do Partido Xudicial”, que viu como se converteu no que menos concellos ten en toda Galicia despois de que Cerdedo se fusionara con Cotobade, pasando a depender de Pontevedra.
“A nova sede é un cambio sustancial no sistema operativo”, engadiu. Do mesmo xeito, mencionou o “ADN estradense” da instalación, pois moitas empresas locais participaron na súa construción.

Pola súa banda, a alcaldesa de Forcarei queixo destacar a”implicación total do presidente da Xunta”, que “comezou o traballo como conselleiro e culminouno como presidente”. Cachafeiro engadiu que son unhas “instalacións xudiciais de máxima calidade que mellorarán o servizo”.
Tras intervir os rexedores dos concellos que empregarán estes xulgados, era o presidente do TSXG o que falaba de que é “un día de alegría para A Estrada e para a xustiza en Galicia”.
“Pontevedra pode presumir de dúas grandes sedes: a Cidade da Xustiza de Vigo e a pequena Cidade da Xustiza da Estrada”
Ignacio Picatoste, presidente do TSXG

Picatoste aseguraba que a nova sede xudicial é “unha referencia” para aqueles concellos do interior de Galicia. Lembrou que hai 30 anos a sede atopábase no Concello da Estrada e que agora xa “ten o seu espazo propio”.
“Cando nos poñemos de acordo no que queremos facer, lográmolo”
Ignacio Picatoste, presidente do TSXG

Para finalizar, era Alfonso Rueda quen intervía. “O noso obxectivo é habilitar edificios dignos para os que traballan neles e os que veñen como administrados da Xustiza”, indicaba tras asegurar que o da Estrada “é un edificio para o futuro que permitirá traballar con comodidade, modernidade e transparencia”.
Imaxe de portada: Inauguración do edificio xudicial // Xunta de Galicia

Deixa unha resposta a Rueda agarda que o primeiro treito da autovía estea listo “antes de final de ano” – Xornal da Estrada Cancelar a resposta